156 candidaturas na edición de 2008 dos Premios Alares á Conciliación da vida laboral, familiar e persoal

Recibíronse 156 candidaturas que optarán aos 12 galardóns da Edición 2008 dos Premios Nacionais Alares®, convocados pola Fundación Alares®. O motivo da celebración destes Premios é, entre outras actividades, recoñecer os múltiples labores realizados co obxectivo de fomentar, estudar e difundir as novas fórmulas de prestación de servizos en relación coa Conciliación da Vida Laboral, Familiar e Persoal e a súa incidencia na calidade de vida. Os Premios Nacionais Alares® 2008 están dirixidos a empresas, institucións, iniciativas da sociedade civil, directivos, medios de comunicación, programas audiovisuais, innovación e ensaio, universidades, escolas de negocios, profesores e investigadores que realizasen este labor de forma eficiente. A convocatoria fíxose o pasado mes de decembro de 2007, concretamente o día 20; o prazo de presentación de candidaturas pechouse o pasado 24 de marzo de 2008 e o fallo realizarase o vindeiro 27 de maio. O acto público de entrega dos Premios anuais celebrarase o vindeiro mes de xuño deste ano. O xurado está composto por personalidades de recoñecido prestixio, así como por representantes de Alares® e da súa Fundación. As dez modalidades dos Premios Alares® descríbense a continuación e pretenden premiar as accións, innovacións, escritos, publicacións ou traxectorias profesionais relacionadas co obxecto dos premios:
  • Institucións
  • Empresas: pequenas, medianas e grandes empresas
  • Axentes sociais
  • Directivos
  • Profesionais dos medios de comunicación
  • Medios de comunicación
  • Información ou programas en medios audiovisuais
  • Innovación e ensaio
  • Universidades, escolas de negocios, outras institucións educativas e de investigación
  • Profesores e investigadores
En canto á valoración dos méritos, a Fundación Alares® contará coa colaboración de FORÉTICA, Foro para a Avaliación da Xestión Ética. Esta entidade realizará a aceptación e avaliación dos méritos presentados, que se someterán á deliberación do xurado. O premio, en cada unha das súas modalidades, consiste nun galardón realizado especialmente para este fin e nun diploma acreditativo.