19 de agosto, Día Mundial Humanitario

As persoas traballadoras humanitarias serán homenaxeadas a partir de agora cada 19 de agosto, a data elixida para conmemorar o Día Mundial Humanitario. Deste xeito preténdese lembrar o atentado ocorrido nas oficinas da ONU en Iraq que, nesa mesma data de 2003, deixou un balance de 22 mortos, entre eles o enviado especial das Nacións Unidas Sergio Vieira de Mello.
Unha fundación creada pola viúva de Vieira de Mello, Annie, e algúns dos seus antigos compañeiros é a responsable do establecemento deste día conmemorativo, co que a partir de agora se renderá tributo ás persoas cooperantes que subministran alimentos, auga potable, vacinas e refuxios a civís que foron vítimas de guerras ou desastres naturais. Deste xeito pretenderase tamén concienciar a opinión pública sobre a importancia das accións humanitarias que se realizan en todo o mundo.