2009 remata con 54 mulleres asasinadas por violencia machista

Son 54 as mulleres —nais, fillas, irmás...— asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas ao rematar o ano 2009; agardemos que o dato remate aquí. A violencia de xénero ou machista supuxo 22 vítimas menos ca o ano pasado, un dato moi importante, mais polo que cómpre seguir loitando para reducilo ao seu menor impacto na sociedade actual, que se considera avanzada e igualitaria. En canto ao informe achegado polo Ministerio de Igualdade, revélase que tan só 14 das 54 mulleres denunciaran previamente o seu agresor e unha delas retirara a denuncia. Das vítimas mortais, 13 solicitaron medidas de protección (11 obtivéronas e 3 renunciaron finalmente a elas). Cómpre salientar aquí, aínda que non figure no informe, que estas medidas non deberon ser moi eficaces, posto que mesmo 6 das 11 que as obtiveron aínda estaban vixentes no momento da súa morte; polo tanto, eses asasinatos deberían terse evitado. El estudo recolle tamén o perfil das 54 mulleres afectadas por esta lacra social: no que atinxe á súa nacionalidade, 35 eran españolas, mentres que 19 eran de orixe estranxeira, o que demostra unha vez máis a falsa percepción que ten a sociedade de que a maior parte da violencia machista en España se debe á inmigración. En canto ás súas idades, 15 eran menores de 30 anos, 25 tiñan entre 31 e 50 anos e 14 superaban esta última idade. 33 das mulleres asasinadas convivían co seu agresor. A Fundación Alares quere expresar a súa máis sentida indignación e repulsa ante tales sucesos, condenando cada morte producida a mans de machistas, homes indignos de participar nunha sociedade avanzada, civilizada e igualitaria na que homes e mulleres gozan das mesmas liberdades, oportunidades e dereitos. Tamén quere agradecer todo o apoio das autoridades públicas, organizacións, asociacións e persoas físicas que traballan cada día para reducir estas mortes inxustificadas ata onde deberían chegar: ningunha muller asasinada a mans dos que din querelas. Polo menos, estas 22 vítimas menos son un síntoma de que entre todos podemos conseguilo.