8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Pola igualdade.

A conmemoración do Día Internacional das Mulleres é nestes momentos moi importante. Tras décadas de avances na loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, vivimos momentos de incerteza. A crise que estamos a sufrir parece xustificar calquera medida, non importa se iso supón un retroceso nos avances acadados.

Isto é o que ocorre co Real decreto lei 3/2012 no que respecta á igualdade. Se para as persoas traballadoras en xeral atopamos aspectos preocupantes, no caso das mulleres a situación é aínda peor. Hai uns días, ao conmemorar o Día Europeo pola Igualdade Salarial, denunciamos que a fenda salarial de xénero segue a ser moi alta. A discriminación salarial é un dos factores que pode aumentar coa Reforma Laboral. Quen se vai atrever a denunciar que o seu salario é menor por ser muller cando o seu posto de traballo está máis ameazado ca nunca?

A Fundación María Aurelia Capmany, no seu artigo «As mulleres primeiro... liquidando os dereitos laborais», considera que non se respectou a obriga de realizar un informe sobre o impacto de xénero que se pode xerar. Lembremos que a Lei de igualdade 3/2007, no artigo 19, sinala: Os proxectos de disposicións de carácter xeral e os plans de especial relevancia económica, social, cultural e artística que se sometan á aprobación do Consello de Ministros deberán incorporar un informe sobre o seu impacto por razón de xénero.

Son moitos os factores que, tras a aprobación da Reforma Laboral, poden afectar o traballo remunerado das mulleres e que deberían terse en conta. O contrato a tempo parcial é un exemplo. O citado informe da Fundación María Aurelia Capmany pregúntase se este tipo de contrato ten nome de muller, e a súa resposta é afirmativa. O real decreto permite as horas extraordinarias, o que agrava todos os problemas do tempo parcial; e agora xa nin sequera podemos afirmar que facilite a conciliación, segundo María Pazos.

A conciliación da vida laboral, persoal e familiar nos últimos tempos parecía interesarlles ás empresas e ás administracións; porén, as modificacións que introduce o real decreto non van nesa liña. Vexamos: as empresas poderán distribuír de forma irregular ao longo do ano un 5% da xornada de traballo. O artigo 11 di: «A dirección da empresa poderá acordar modificacións substanciais das condicións de traballo cando existan razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción probadas...» Poderán modificarse:

  • Xornada de traballo
  • Horario e distribución do tempo de traballo.
  • Réxime de traballo a quendas.
  • Sistema de remuneración e contía salarial.

Estes son factores que prexudicarán o emprego feminino, pois, como ben sabemos, son as mulleres as que se ven obrigadas a conciliar, ben sexa mediante reducións de xornada, excedencias ou levando a cabo unha dobre xornada laboral. É evidente que non se facilita a conciliación e que as mulleres serán as principais prexudicadas. A corresponsabilidade é cada día máis necesaria.

Fonte