Aberto o prazo para o I Recoñecemento na Xestión da Diversidade Empresarial

As candidaturas poderán presentarse ata o vindeiro 13 de novembro. Foto Recoñecemento xestión da Diversidade Empresarial

A Fundación para a Diversidade, en colaboración co Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, co fin de distinguir as mellores prácticas das empresas nesta materia, convocan o I Recoñecemento en Xestión da Diversidade Empresarial.

Estes recoñecementos teñen como obxecto valorar as iniciativas que recollan modelos de xestión da diversidade que aposten pola integración, a igualdade de oportunidades para todos os empregados/as e a sustentabilidade, e será requisito indispensable ser asinante do Charter da Diversidade.

Establécense 3 categorías: Recoñecemento á mellor práctica dunha PEME, Recoñecemento á mellor práctica dunha gran empresa, ambas as categorías con primeiro e segundo posto, e Recoñecemento á mellor práctica dunha empresa doutro país da UE.

As persoas galardoadas, que se darán a coñecer no transcurso da Gala que se celebrará, nun acto público, en febreiro, recibirán unha mención honorífica co distintivo de I Recoñecemento de boas prácticas en Xestión da Diversidade.

As empresas interesadas en participar neste recoñecemento, proxecto realizado co apoio da Unión Europea, con cargo ao programa PROGRESS JUST/2013/PROG/AG/AD, terán que elaborar unha memoria na que se poderán incluír políticas e obxectivos desenvolvidos, a súa conexión co plan estratéxico da organización, o equipo de xestión das políticas de Diversidade, os colectivos cos que e para os que se traballa, as medidas de avaliación e os resultados e impactos. Para coñecer as bases, dar de alta as candidaturas ou obter máis información, poden facelo a través de www.fundacióndiversidad.org ou por correo electrónico en fundaciondiversidad@fundaciondiversidad.org