Alares Formación actualiza o seu Campus en liña coa nova versión de Moodle.
Moodle é unha plataforma de aprendizaxe deseñada para proporcionar a educadores, administradores e estudantes un sistema integrado único, robusto e seguro para crear ambientes de aprendizaxe personalizados.
Engadíronse algunhas novas funcionalidades e inclúese como principal novidade a compatibilidade coa última versión de PHP (7).
O uso de PHP 7 tradúcese principalmente nunha palabra: rendemento.
20 % máis rápido no inicio de sesión
59 % máis rápido na carga da páxina do curso
42 % menos de memoria necesaria para o inicio de sesión
38 % menos de memoria necesaria para a carga da páxina do curso
Contámosche as novidades
Novos tipos de preguntas interactivas:
Trátase dunha contribución da Open University para a actividade de cuestionario (quiz). Introdúcense varios tipos de preguntas de arrastrar e soltar, tanto sobre imaxes como sobre texto con ocos.
Mensaxes persoais:
Engádese a posibilidade de borrar as mensaxes enviadas ou recibidas a través do sistema de mensaxaría interna. Non obstante, estas mensaxes non se borran para o outro interlocutor.
Táboas no editor HTML Atto:
Agora Atto, o editor predeterminado de Moodle, incorpora a posibilidade de editar táboas, controlando as características e a cor dos bordos, etc.
Melloras na edición de cursos:
Agora pódense editar as seccións do curso dunha maneira máis sinxela e ocupando menos espazo na pantalla, cun botón despregable de edición igual ca o que xa existía para as actividades e os recursos.
Etiquetas de curso:
os profesores poden engadir etiquetas preestablecidas nos seus cursos ou crear outras novas. Pódense buscar cursos a partir das etiquetas existentes na plataforma.
Acceso de invitados:
A configuración do acceso de invitados cambia de lugar. Agora, en vez de estar na páxina de edición do curso, atópase entre os complementos de matriculación, desde onde se pode habilitar e configurar un contrasinal opcional.
Entradas de bases de datos:
As entradas sen aprobar móstranse destacadas e o profesor pode deshabilitar a edición das entradas xa existentes.
Actualización de complementos:
Esta actualización pode facerse agora nun só paso, incluídas as interdependencias que poidan existir entre os diferentes complementos.