¿É asumible a conciliación?

Hai uns días publicábase no diario El Mundo unha reportaxe que reflexionaba, a través das opinións de varios expertos, sobre a conciliación nas empresas españolas. Unha boa parte dos empresarios do noso país non ven con bos ollos propostas como a flexibilidade dos horarios dos empregados, o fomento do teletraballo ou o aumento dos permisos de maternidade, por consideraren que supoñen un gasto moi elevado imposible de asumir en tempos de crise. Porén, varios estudos demostran que, lonxe do que se poida pensar, a conciliación da vida laboral coa persoal e familiar fomenta que os empregados estean máis comprometidos coa súa empresa, o que axuda, polo tanto, á retención do talento. Esta opinión compártea Roberto Martínez, director da Fundación Másfamilia, quen afirma que a conciliación «é un investimento no empregado, no capital humano e, polo tanto, no mellor funcionamento da empresa». Para que a conciliación sexa posible cómpre traballar por obxectivos e desterrar a cultura empresarial do «presentismo», tan arraigada en España. De feito, Roberto Martínez alude a estudos sobre recursos humanos que explican que, a partir das 7 horas ao día, non hai produtividade no traballo. A conciliación debe entenderse como un investimento e non como un custo, e aínda que é complicado cuantificar en termos económicos o retorno dese investimento, o que si é certo é que un empregado satisfeito coa súa empresa sempre será máis produtivo. Pouco a pouco o empresariado español está a concienciarse da importancia de contar cun cadro de persoal feliz; de feito, cada vez son máis as empresas que contan co certificado EFR de empresas familiarmente responsables, sendo Alares® unha delas.