Cincuenta millóns de razóns para traballar en mellorar a calidade de vida
Cando hai uns días os noticiarios daban conta de proxeccións estatísticas que sinalan que España contará con cincuenta millóns de habitantes dentro duns poucos anos, non foron moitos os que lembraron todos os cambios que están detrás destas previsións. Comezando, quizais, pola percepción que agora se ten sobre o crecemento e as transformacións demográficas, cando hai media ducia de anos se dicía todo o contrario. É dicir, que a poboación decrecería e envellecería irremediablemente. Mentres que agora se volve salientar que as expectativas de vida continúan ampliándose e que as pirámides de poboación non envellecen tan rapidamente grazas ao que supón, en parte, o rexuvenecemento da inmigración.Detrás desta cifra están, ademais, cincuenta millóns de proxectos vitais, que cómpre enmarcar nunha sociedade avanzada. Que ve como cambian as súas pautas familiares, como se desenvolven programas de integración da diversidade e como se espera que aparezan novos servizos para as familias e as persoas, con todo o que iso supón para contribuír á mellora da calidade de vida colectiva. Pero tamén á competitividade e ao crecemento económico, pois detrás de todas estas demandas de novos servizos hai múltiples oportunidades para implantar actividades empresariais e para aplicar políticas públicas que permitan responder ás novas necesidades.
Estas iniciativas, ademais, aproveitaranse da crecente eficiencia das infraestruturas tecnolóxicas e das capacidades empresariais xa existentes. Pois as novas actividades xerarán servizos modernos nos que as tecnoloxías das comunicacións e do procesamento de datos permitirán ofrecer solucións personalizadas. Así mesmo, as capacidades existentes nos sectores financeiro, asegurador, sanitario ou de xestión de recursos humanos, por citar algúns, facilitarán que se poida formar adecuadamente os profesionais que se van necesitar ou ofrecer a cobertura financeira axeitada, apoiándose no aforro individual previsor e nas axudas públicas para desenvolver o cuarto piar do Estado do Benestar.
E é que os cincuenta millóns de cidadáns van necesitar que se desenvolvan políticas de conciliación, de apoio ás persoas dependentes, de integración e igualdade e, en definitiva, de calidade de vida e novas formas de vivir as cidadanías avanzadas, non discriminatorias e solidarias. E tamén que os tecidos empresariais, á vez que se expanden cara a novas oportunidades de negocio, vexan o interese de participar nestes procesos para mellorar tanto o seu posicionamento e imaxe como para reter o talento, ofrecendo mellores condicións laborais. Polo que detrás da cifra sinalada reiteradamente se esconden múltiples razóns vitais, empresariais e políticas para abordar todas as facetas das novas realidades sociais.
Nesta liña, e co fin de avanzar na análise das múltiples oportunidades que se albiscan e tamén en como se están empezando a xestionar os novos retos tanto aquí como noutras latitudes, a Fundación Alares organizou un Congreso Internacional (20 e 21 de febreiro, inscricións: www.congresointernacionalares.com) no que se van reunir moitos dos innovadores que están tratando de ver como chega o futuro. E tamén que había que facer para que este sexa un horizonte venturoso para os cincuenta millóns de cidadáns que seremos nos albores do novo milenio.


