Conferencia Europea sobre Envellecemento Activo e Saudable

A semana pasada Logroño acolleu a Conferencia Europea sobre o Envellecemento Activo e Saudable, unha reunión na que se chegou á conclusión de que o envellecemento activo e saudable, ademais de mellorar a calidade de vida das persoas maiores, produce beneficios económicos. As persoas asistentes a esta conferencia, entre as que destaca a directora xeral do IMSERSO, Purificación Causapié, argumentaron que promover e aplicar medidas que favorezan un envellecemento activo e saudable reduce os custos sanitarios, atrasa a dependencia e fomenta unha maior cohesión social. Durante este congreso, lembrouse o obxectivo de declarar o ano 2012 como o «Ano Europeo do Envellecemento Activo e da Solidariedade Interxeracional». Pero, ademais, declarouse que actualmente se está a preparar un Libro Branco das Persoas Maiores que establecerá as bases para deseñar plans de acción co obxectivo de que as comunidades traballen conxuntamente desde unha visión global nesta materia. Sen dúbida, hoxe en día o perfil da persoa maior está a cambiar, xa que esta ten niveis máis altos de formación e inquietudes culturais, ademais dunha mellor calidade de vida, o que lle permite ter unha maior actividade. Por iso, é necesario fomentar actividades de voluntariado ou o uso das novas tecnoloxías para previr e garantir a súa autonomía persoal.