No noso mundo, que envellece rapidamente, as persoas maiores desempeñarán un papel cada vez máis importante —a través do traballo voluntario, transmitindo a súa experiencia e coñecementos, coidando das súas familias e cunha participación crecente na forza laboral remunerada.
Xa hoxe en día, as persoas maiores contribúen enormemente á sociedade. Por exemplo, en toda África —e no resto do mundo—, millóns de adultos enfermos de sida son coidados nos seus fogares polos seus pais. Ao morrer os pacientes, os seus fillos orfos (actualmente 14 millóns menores de 15 anos só nos países de África) son coidados na súa maioría polos avós.
O papel crucial das persoas maiores non se limita aos países en vías de desenvolvemento. En España, por exemplo, o coidado das persoas dependentes e enfermas (de todas as idades) é realizado na súa maioría por persoas maiores (especialmente mulleres maiores). A media de minutos ocupados por día na prestación deses coidados aumenta exponencialmente coa idade dos coidadores: 201 minutos se o coidador pertence ao grupo de idade de 65-74 anos e 318 minutos se a súa idade é de 75-84 anos, fronte a só 50 minutos se o coidador pertence ao grupo de idade de 30-49 anos (Durán H, Fundación BBVA, 2002).
Estas contribucións ao desenvolvemento só poden asegurarse se as persoas maiores gozan de niveis adecuados de saúde, para o que deben adoptarse políticas apropiadas. En consonancia co Plan de Acción Internacional de Madrid, a Organización Mundial da Saúde publicou en 2002 un documento titulado "Envellecemento activo — Un marco de políticas", no que describe os seus criterios e perspectivas para un envellecemento saudable ao longo de toda a vida.
Na nosa Fundación Alares, trabállase para que as persoas maiores teñan a calidade de vida que merecen e para que os seus coidadores aprendan a coidarse no día a día. Os cambios sociais da última década achegaron á nosa sociedade a incorporación masiva da muller ao mercado laboral e o aumento da esperanza de vida das persoas. Por este motivo, cada vez son máis as familias que teñen que recorrer a profesionais para o coidado dos seus maiores.
Máis información aquí



