Día Internacional do Pobo Xitano

Hoxe, 8 de abril, celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano, unha data instaurada no Congreso Mundial Roma/Xitano celebrado en Londres en 1971. Durante este día, numerosas institucións celebran actos e difunden comunicados en recoñecemento á historia, lingua e cultura dun pobo que constitúe a minoría étnica máis importante e numerosa de Europa. De feito, máis de 10 millóns de persoas en todo o mundo constitúen a comunidade xitana, e destes 10 millóns, 8 millóns residen en Europa. Este día celébrase co obxectivo de chamar a atención das Administracións para lembrar e intentar acabar coa situación de discriminación que en moitas ocasións aínda sofre esta comunidade e fomentar a diversidade. Coincidindo con esta data, o pasado 5 de abril, a Comisión Europea presentou o Marco da UE para que os Estados membros desenvolvan estratexias nacionais que axuden á inclusión da poboación xitana a través de catro áreas clave: a educación, a saúde, a vivenda e o emprego.