Día Internacional para Acabar co Uso de Nenos Soldado

Hoxe, 12 de febreiro, conmemórase o Día Internacional para Acabar coa Utilización de Nenos Soldado, xa que foi neste mesmo día do ano 2002 cando entrou en vigor o Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno. Os estados participantes comprometéronse a través deste protocolo coa protección dos dereitos dos nenos. Este documento, aprobado e aceptado por algúns dos países membros da ONU, afirma que para protexer os dereitos dos menores é necesario que estes se desenvolvan e eduquen en contornas de paz. A miúdo, en situacións de conflito, os nenos adoitan ser un branco fácil, de aí que numerosos ataques se produzan en lugares frecuentados por nenos, como escolas ou hospitais. Pero ademais, preocupa o recrutamento, adestramento e utilización dos nenos para participar nas forzas armadas dos estados en guerras que, nalgúns casos, traspasan as fronteiras nacionais. Este tratado condena actuacións así, ao mesmo tempo que responsabiliza e culpa destas situacións a quen leva a cabo este recrutamento. Mediante este documento, composto por trece artigos, faise un chamamento a fortalecer a cooperación internacional para que se criminalice esta violación dos dereitos do neno, se fomente a concienciación social e se consiga a reintegración dos nenos vítimas de conflitos armados.