O 73% das empresas madrileñas ofrece excedencias aos seus empregados para o coidado de familiares dependentes

A Universidade Complutense realizou e publicou o estudo «As políticas de conciliación da vida familiar e laboral desde a perspectiva do empregador. Problemas e vantaxes para a empresa», que demostra que a maior parte dos empresarios madrileños cren que aplicar medidas de conciliación nas entidades achega grandes beneficios.

Este estudo, un dos máis exhaustivos publicados ata o momento en materia de conciliación, enquisou 228 directivos de recursos humanos de compañías implantadas na Comunidade de Madrid. Para a súa realización recompilouse información sobre o tamaño da empresa, o número de traballadores do seu cadro de persoal, o sector de actividade ao que se dedican, a accesibilidade a prácticas de conciliación e mesmo preguntóuselles ás persoas enquisadas sobre a cultura empresarial das súas organizacións. Entre outros datos, este estudo revela que a maior parte das persoas enquisadas aseguran que nas súas empresas se aplican medidas de conciliación como permitir a ausencia do posto de traballo por emerxencia familiar (96,4 %), a flexibilidade na distribución das vacacións (92,89 %) ou a excedencia para o coidado de persoas dependentes (73,21 %). Ademais, cada vez son máis as que establecen as reunións en horarios que facilitan a conciliación e teñen flexibilidade nos horarios de entrada e saída.

E aínda que a posta en marcha de medidas que fomenten a conciliación supón un custo económico e organizativo, son moitos os beneficios que achega. Entre eles, os máis valorados son: a imaxe de marca (92,9 %), a mellora do clima laboral (91,6 %), a retención do talento (82 %), a redución do absentismo laboral (74,3 %) e o incremento da produtividade e do rendemento das persoas (78,4 %). Para conseguilo, Alares traballa no desenvolvemento de servizos para colectivos e empresas co obxectivo de conseguir o mellor resultado na prestación dos mesmos.

Pero este estudo tamén quixo analizar as barreiras que impiden ás empresas aplicar medidas de conciliación, xa que hai sectores que, pola súa actividade ou polos seus horarios, teñen grandes dificultades para poñer en marcha este tipo de políticas.