Os emprendedores e autónomos levan un ano convivindo cunha norma que tardou moito en chegar e que non acaba de convencer os seus destinatarios. Facemos un repaso dos seus principais puntos fortes e, tamén, das súas deficiencias.
A Lei foi adoptada polo Congreso dos Deputados o 19 de setembro de 2013 coa intención de sentar as bases da creación de empresas pero, como sinala Javier Benavente Barrón, fundador e presidente de Alares e, sobre todo, emprendedor e empresario, «esta lei podería ter suposto un salto cuantitativo importante na creación de empresas e tamén en potenciar a vontade e a determinación de moitas persoas para crearen o seu propio emprego e a súa propia empresa». Pola contra, Benavente, que tamén é presidente da Asociación Española de Empresas de Servizos á Persoa, cre «que non foi así» porque o «potencial se viu reducido á mínima expresión ata xullo do presente ano». Aínda así, Benavente sinala que «mellor é isto ca nada».
Principais deficiencias
Julia Sainz, responsable da Área de Nova Empresa de Avalmadrid, tamén cre que era unha lei necesaria e que ten aspectos positivos, pero tamén algúns defectos que terá que corrixir. Entre as maiores deficiencias, Sainz sinala que o IVE de caixa non funcionou ben. Esta medida, un dos principais piares da Lei, pretendía que as pemes e os autónomos puidesen aprazar o pagamento do IVE ata o momento do cobramento da factura. De feito, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, admitiu en setembro que a proposta non acababa de funcionar como estaba previsto, entre outras razóns, polo rexeitamento das grandes empresas.
Desde a CEOE sinalan que a norma «serviu de estímulo ou incentivo en parte, pero non de apoio decisivo, pois fallaron medidas que incentivan a contratación e a bonificación das cotas da Seguridade Social; así como accións destinadas á formación no ámbito do emprendemento». O organismo afirma que «os empresarios botamos en falta un capítulo relativo á economía somerxida dirixido a propiciar a súa aparición e regularización». Javier Benavente engade que «evidentemente, a Lei que temos é un paso adiante aínda que claramente insuficiente; fáltalle atrevimento e valentía para afrontar dunha vez por todas esta cuestión. Resultados positivos? Si. Apoio decisivo á creación de emprego? Pois non, moi lonxe do que podería ser, aínda que algo é algo; menos sería se non se fixese nada».
Tarifa plana
O presidente de Alares non comparte o criterio que se estableceu na Lei sobre unha tarifa plana durante un tempo determinado, independentemente dos resultados do negocio. «O tempo pasa voando e os negocios tardan moito en comezar a dar algún froito», sinala Benavente. Para o empresario, deberíase falar de «niveis de facturación ou de beneficios; iso é o que realmente conta, pois é o que paga as cotizacións ao Estado, non o tempo que custe conseguilo, e máis nun período como o que vivimos, no que o consumo caeu a niveis incríbles e no que conseguir pagar o alugueiro ou sacar cartos para poder ir ao mercado se converte en toda unha aventura. Non hai consumo, non hai vendas». Para Benavente, «é evidente que quen fai as leis nunca foi emprendedor e menos aínda empresario», polo que lamenta que as propostas que se fan desde as asociacións empresariais queden en saco roto.
Burocracia: «le‘islar menos e mellor»
Desde a CEOE consideran necesaria unha maior axilidade da Administración. «Para os empresarios é esencial que se produza unha profunda simplificación administrativa que fomente e impulse a competitividade e a eficiencia do noso marco legal. Xa o dixemos en distintas ocasións: débese lexislar menos e lexislar mellor».
Para o organismo, «as empresas españolas deben atender catro niveis diferentes da Administración (local, rexional, nacional e europeo), o que nos obriga, máis se cabe, a tratar de configurar un ordenamento lexislativo máis claro, simple, eficiente e coordinado. Do contrario, as nosas empresas veranse prexudicadas ao operar nun contorno cada vez máis competitivo e global».
Julia Sainz, de Avalmadrid, tamén se fai eco desta necesidade xa que, segundo sinala, «os trámites para crear empresas reducíronse, pero a percepción dos empresarios é que segue sendo máis difícil crear unha empresa en España ca noutros países».
Imitar os que o fan ben
Javier Benavente sinala que «o Goberno debería copiar medidas que xa se implantaron con éxito noutros países e intentar innovar e melloralas para sermos aínda máis competitivos ca eses países que agora van por diante». En concreto, sinala Francia e outros países de Europa onde existen figuras como a do «Autoemprendedor». Para o presidente de Alares, esta medida demostrou o seu éxito mediante a creación de millóns de empregos e de importantes ingresos para o Estado.
E o financiamento?
Outro dos piares fundamentais da Lei era o financiamento. Coa norma pretendíase reforzar o sistema público de avais e de garantías públicas; pero Sainz reclama que se poden abrir máis alternativas de financiamento, como unha maior intervención do ICO.
Fonte: Dirigentes Digital
http://www.dirigentesdigital.com/articulo/pymes-y-emprendedores/216702/ano/1/ley/emprendedores.html
Redactado por: Sandra Moya


