O CERMI pide ao Goberno que se mellore a accesibilidade laboral de cara á actual reforma laboral

Mellorar a accesibilidade laboral para as persoas con discapacidade é o que o CERMI reclama ao Goberno ante a actual reforma laboral. A súa intención é evitar que se reduza o sistema de bonificacións do que poden gozar as empresas pola contratación deste colectivo, como xa acontecía na reforma de 2006. Desde o CERMI, pretenden que non se reduzan estas bonificacións e que sexan prioritarias na remodelación do sistema de incentivos, xa que limitalas repercutiría na contratación de persoas con discapacidade por parte das empresas. Entre outras propostas, o CERMI solicita ao Executivo que se fagan efectivas as sancións a aquelas empresas con máis de 50 traballadores que non cumpren coa cota de reserva do 2 % do seu cadro de persoal para persoas con discapacidade e que se intensifiquen os plans de inspección. Ademais, para o CERMI tamén é necesario que se incentiven as medidas de contratación de mozos con discapacidade, que sofren grandes obstáculos á hora de acceder ao mercado laboral.