O CERMI solicita que a discapacidade se inclúa nos documentos da UE

O pasado xoves reuníronse en Barcelona o presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, Luis Cayo Pérez Bueno, e o ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, coa intención, por parte do representante do CERMI, de solicitar a incorporación da discapacidade nos documentos máis importantes da Unión Europea. Neste encontro, Pérez Bueno e o secretario xeral do CERMI, Alberto Durán, entregáronlle a Corbacho un escrito con propostas que fomentan a inclusión laboral e a protección social das persoas con discapacidade en todos os documentos clave a nivel europeo durante a presidencia española da UE. O CERMI solicita incluír a discapacidade nos documentos que establezan as políticas nesta materia durante os próximos anos, como a Estratexia UE 2020, a Estratexia Europea de Emprego ou a Axenda Social. Con este enfoque, o CERMI solicita que se adopte un Pacto Europeo pola Discapacidade e que na Axenda Social se dea prioridade ás persoas con discapacidade e ao envellecemento. Pero tamén reclama que a discapacidade debe estar presente nos encontros políticos de alto nivel, como a Conferencia da Presidencia ou as reunións de ministros europeos. Esta reunión entre o ministro de Traballo e o CERMI enmárcase no programa de actuación desta institución e do Foro Europeo da Discapacidade para incidir na materia da discapacidade durante a Presidencia española da Unión Europea.