O desenvolvemento e o crecemento dun país dependen, hoxe máis ca nunca, do benestar dos seus cidadáns e da fortaleza das súas empresas

  • A VII edición dos Premios Alares reivindica a necesidade de apostar por unha sociedade que concilie a vida familiar e laboral, na que as organizacións participen e se beneficien mediante o aumento da súa produtividade e competitividade
  • A Fundación Alares e a Sociedad de Prevención de Ibermutuamur volveron premiar as iniciativas máis innovadoras en materia de prevención de riscos laborais destinadas a persoas con discapacidade
O Ministerio de Emprego e Seguridade Social participou por segundo ano consecutivo na Gala dos Premios Nacionais Alares, celebrada no CaixaForum Madrid. Nesta ocasión, contamos coa presenza da secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, quen entregou os galardóns ás prácticas máis innovadoras en materia de conciliación da vida laboral e familiar, e responsabilidade social. Ademais, a secretaria quixo destacar especialmente o traballo dos premiados polas mellores prácticas en prevención de riscos laborais destinadas ás persoas con discapacidade, unha iniciativa que celebra a súa segunda edición grazas ao impulso da Fundación Alares e da Sociedad de Prevención de Ibermutuamur. Na súa intervención, Engracia Hidalgo insistiu en que: “hai que apostar polo benestar dos traballadores porque é rendible desde o punto de vista humano e, por suposto, económico. De feito, desde o Ministerio queremos facer ver á sociedade, ás grandes empresas e ás pemes que é necesario traballar en responsabilidade social porque xera competitividade, confianza e transparencia”. Coa súa participación, a Secretaría de Estado deixou patente unha vez máis o compromiso das institucións políticas, sociais e económicas do país coa calidade de vida e o benestar da sociedade, a igualdade de oportunidades e a competitividade empresarial. O valor de sermos responsables A sétima edición dos Premios Nacionais Alares volveu superar con fartura as expectativas, grazas a un palmarés de primeiro nivel que destaca polo seu compromiso coa sociedade. Javier Benavente Barrón, presidente da Fundación Alares, recoñecía o valor das organizacións que apostan pola conciliación dos seus empregados, como elemento capaz de xerar a competitividade que necesitamos. Do mesmo xeito, o presidente da Fundación Alares destacaba a importancia de contar co patrocinio da Sociedad de Prevención de Ibermutuamur, a primeira mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais que aposta polo benestar das persoas con discapacidade a través duns premios, e cuxo presidente, D. Eusebio Gómez, declarou que: “o compromiso e a participación da Sociedad de Prevención de Ibermutuamur están determinados pola súa vocación polas persoas, e máis aínda cando se trata de persoas con discapacidade. Polo tanto, este é un proxecto de futuro, a través do cal queremos deixar constancia da nosa filosofía como empresa”. Xunto á Fundación Alares, participaron personalidades tan relevantes como Ramón Jaúregui, do Grupo Socialista e patrón da Fundación Alares, quen insistiu na importancia de que traballemos en responsabilidade social, porque deste xeito conseguiremos superar o desastre ético que temos e a incerteza que agora nos rodea. De feito, Jaúregui salientou o valor que teñen as empresas que crean vida, habitabilidade e sociedade, é dicir, empresas éticas que farán do noso mundo un lugar mellor para vivir. Sociedade en positivo A sede do CaixaForum de Madrid foi o lugar escollido para reunir os máis de 500 invitados que asistiron á Gala dos Premios Nacionais Alares, na que o capital humano foi o absoluto protagonista. Proba diso son as boas ideas, a calidade dos proxectos e a creatividade das iniciativas que configuraron o resultado dun palmarés de primeira orde, cuxo nexo común son a competitividade e a sustentabilidade empresarial. Sen dúbida ningunha, a Fundación Alares volveu deixar constancia de que, despois de sete edicións, estes galardóns son, por excelencia, todo un referente no ámbito social, económico e cultural do noso país. Ana García Lozano, xornalista e presentadora de televisión, conduciu maxistralmente a gala.