O desemprego das persoas con discapacidade supera o 16 %

Así o demostran os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística, que reflicten que a taxa de desemprego entre o colectivo de persoas con discapacidade alcanzou o 16,3% en 2008, unha taxa que se fai máis preocupante cando se ten en conta que entre a poboación en xeral a cifra nese mesmo período é do 11,3%. Ademais, esta enquisa revela que dentro do colectivo de persoas con discapacidade o desemprego afecta máis ás mulleres (19,9%) ca aos homes (14,6%), algo que tamén ocorre na poboación sen discapacidade: o 13% fronte ao 10,1%. Se temos en conta a idade, os datos reflicten que a taxa de desemprego masculina de 16 a 64 anos con certificado de discapacidade era do 32,8%, superior en 10,8 puntos á das mulleres. Por outra banda, este estudo reflicte que, independentemente do xénero, a medida que aumenta a idade medra a inactividade entre as persoas con discapacidade, acadándose en 2008 taxas do 72%. E aínda que todas as persoas con discapacidade teñen problemas para a integración, son as deficiencias auditivas e visuais as que presentan maiores taxas de actividade (56,9% e 45,3%, respectivamente), mentres que as deficiencias mentais e intelectuais presentan as menores (19,9% e 26%, respectivamente). Esta enquisa do INE tamén reflicte que, entre as persoas con discapacidade con emprego, un 76,8% ten estudos secundarios e superiores.