A presenza de mulleres nos Consellos de Administración das principais empresas españolas aumentou significativamente nos últimos anos, segundo un estudo presentado pola profesora Núria Chinchilla, do IESE, e a consultora Inforpress.
Na actualidade as mulleres representan o 12,5 % dos membros dos Consellos de Administración das empresas do IBEX-35, fronte ao 5,14 % de 2008. Un nivel que, malia o seu incremento, dista moito de ser satisfactorio e de plasmar as recomendacións sinaladas polo Código unificado de bo goberno. Así se destacou no «I Foro de Mulleres con Poder», celebrado hoxe en Barcelona e inaugurado pola xornalista e conselleira delegada do grupo de comunicación portugués Media Capital, Rosa Cullell, exdirectora xeral da CCMA.
Para Nuria Chinchilla, profesora do IESE, «as mellores empresas son as que apostan pola diversidade nos seus consellos. O avance estase a realizar con naturalidade. Non hai que forzar artificialmente o ritmo».
Pola súa banda, Nuria Vilanova, presidenta de Inforpress, considera que «os Consellos de Administración son especialmente significativos pola súa visibilidade. A incorporación de mulleres exerce unha influencia positiva e paga a pena destacar, especialmente, a presenza de mulleres conselleiras executivas, que, aínda que é pequena, reflicte tamén a mellora nos órganos de dirección».
Pódese observar unha evolución positiva, aínda que tremendamente lenta. Na actualidade son 63 as mulleres que forman parte dos órganos reitores das compañías que conforman o Ibex-35. Esta cifra duplica a de 2008, hai só catro anos, cando o seu número apenas chegaba a 26, e incrementouse en nove en 2011. En poucos meses o número de mulleres aumentou notablemente, o que se traduce nun crecemento da diversidade nos órganos decisorios das empresas do Ibex-35.
Caixabank e FCC son as dúas empresas que teñen maior paridade nos seus Consellos de Administración, con 5 conselleiras cada unha. Séguelles Acciona, con 4 mulleres, e Abengoa, Indra e REE, con 3 conselleiras cada unha. No extremo oposto, Endesa, Gas Natural e Técnicas Reunidas aínda se resisten a nomear mulleres nos seus consellos e sitúanse como as únicas do Ibex-35 sen representación feminina no seu máximo órgano de poder.
Aínda hai poucas executivas
Das 63 mulleres que se atopan hoxe nos órganos decisorios das grandes compañías, unicamente dúas ocupan postos de conselleiras executivas: Ana Patricia Botín-Sanz, do Banco Santander, e María Dolores Dancausa Treviño, de Bankinter, unha proporción ínfima se se ten en conta que hai 79 conselleiros executivos homes. Máis abundante é a representación feminina noutras tipoloxías de conselleiro: 41 conselleiras independentes, catro veces menos que os independentes homes, e 19 conselleiras dominicais, unha cifra máis de oito veces inferior á dos homes que desempeñan esa mesma función. Cómpre destacar que non se contabiliza ningunha conselleira externa. A presidenta non executiva de DIA, Ana María Llopis, compatibiliza ese cargo co de conselleira, na tipoloxía de outras.
Os consellos máis equilibrados son os de Red Eléctrica Española (8 homes e 3 mulleres), Acciona (10 homes e 4 mulleres) e Indra (11 homes e 3 mulleres). Malia ter máis conselleiras, a proporción de mulleres sobre o total do consello é inferior en Caixabank e FCC.
En calquera caso, obsérvase unha evolución positiva se se comparan as cifras de exercicios recentes. Das 26 mulleres conselleiras de 2008, pasouse en 2009 a 43 e, en 2010, a 52. Foi o ano pasado cando a evolución se estancou, ao aumentar só en dúas conselleiras ao remate das Xuntas de Accionistas de 2011, se ben a finais de ano o número creceu ata chegar a 58.
A explicación de que a cifra aumentase ata 63 a comezos de 2012, en só uns meses, débese en boa parte aos cambios na composición do Ibex-35: por unha banda, á entrada de Bankia, con 2 conselleiras, en substitución de Iberdrola Renovables e, por outra, a que o actual selectivo consta temporalmente de 36 empresas, ao entrar DIA (2 conselleiras) sen que se decidise aínda a saída de ningunha compañía. Así as cousas, hai 9 mulleres máis que as contabilizadas no VII Informe do Foro de Bo Goberno 2011 (54), e cinco máis que tras as Xuntas Xerais de Accionistas (58).
Polo momento, a tendencia segue sendo alcista, xa que o Consello de Administración de BBVA acordou propor á próxima Xunta Xeral de Accionistas, que se celebrará este mes de marzo, o nomeamento de Belén Garijo como nova conselleira independente, o que fará que a entidade amplíe a 14 os membros do seu consello e a dúas o número de conselleiras.
Malia que o número de mulleres conselleiras aumenta ano tras ano, o seu ritmo de crecemento é inferior ao que sería desexable para impulsar a diversidade de sexo nos consellos: 441 homes fronte a 63 mulleres. Estas cifras dan unha porcentaxe de presenza feminina do 12,5 %, moi afastada das recomendacións do Código de Bo Goberno e da Lei de Igualdade de 2007, cuxo obxectivo é alcanzar un grao de paridade de, polo menos, o 40 %.
Estes datos completan o estudo elaborado polo Foro do Bo Goberno e Accionariado, fundado por Inforpress e o IRCO do IESE en 2009.


