O prestixioso estudo «The Bottom Line» preséntase por primeira vez no Congreso Internacional Alares®
O estudo realizado entre as empresas do ranking Fortune 500 pon de manifesto a forte correlación entre os resultados económicos empresariais e a diversidade de xénero na dirección das empresas.
«The Bottom Line» revela que as compañías que contan cunha maior representación feminina nos postos directivos obteñen, de media, resultados económicos significativamente mellores que aquelas con menor representación. Segundo Ilene H. Lang, presidenta de Catalyst, «este estudo demostra unha vez máis a forte correlación entre os resultados económicos das compañías e a diversidade de xénero. A diversidade, ben dirixida, produce máis independencia, innovación, bo goberno e maximización dos resultados».
O estudo realizouse sobre compañías integrantes do prestixioso ranking Fortune 500 e tomou como referencia tres índices económico-financeiros: a rendibilidade sobre os recursos propios (ROE), o rendemento das vendas (ROS) e o retorno do investimento (ROI). Catalyst comparou os resultados das compañías con maior representación de mulleres nas súas cúpulas directivas cos das empresas que contan cunha menor presenza feminina nos postos de dirección. Deles despréndese que o ROE das empresas con maior presenza de mulleres no seu equipo directivo, así como o ROS e o ROI, é un 53 %, un 42 % e un 66 % superior, respectivamente, ao das compañías cunha baixa presenza de mulleres directivas.
Eleanor Tabi Haller-Jorden, directora xeral de Catalyst Europe AG, será a encargada de presentar o estudo «The Bottom Line» no Congreso Internacional Alares®, en sesión plenaria, o mércores 20 de febreiro. En palabras de Javier Benavente, presidente da Fundación Alares®, «é unha honra para nós que o Congreso Internacional Alares® sexa o marco elixido para presentar por primeira vez en Europa este interesante estudo sobre o impacto económico que ten a diversidade de xénero no ámbito empresarial».
O Congreso Internacional Alares® está dirixido a primeiros executivos de empresas, responsables de institucións públicas e profesionais relacionados coa temática do congreso. No seu primeiro encontro, este foro anual contará ao longo das súas dúas xornadas coa participación de personalidades e institucións procedentes de máis de 20 países, en máis de 40 relatorios sobre as novas cuestións que xurdiron con forza nos inicios do século XXI que vivimos e que afectan ao posicionamento estratéxico e á competitividade empresarial e dos países, como a RSE (responsabilidade social empresarial), a dependencia, a diversidade, a inmigración, a igualdade e a conciliación…, temas todos eles de plena actualidade.
Ademais de Eleanor Tabi Haller-Jorden, o Congreso contará coa participación de personalidades como Jack Trout, un dos pais do posicionamento estratéxico; Mark Hollingworth, autor do libro «Growing People, Growing Companies»; ou Bruno Arbounet, director da Axencia Nacional Francesa de Servizos á Persoa (Ministerio Francés).
A inscrición para o Congreso pódese realizar a través da web: http://www.congresointernacionalalares.com. A cota de inscrición é unha doazón voluntaria. A web tamén recolle o programa detallado do Congreso, os horarios dos actos, conferencias e relatorios, información sobre os relatores, datos de interese sobre o Congreso e o boletín de inscrición para a Cea de Gala.


