España: líder europeo en voto accesible para as persoas cegas

España pon á disposición das persoas cegas a posibilidade do voto accesible en braille, o que lles permite exercer o seu dereito ao voto prescindindo da axuda doutra persoa, segundo sinalaron hoxe o presidente da ONCE e a súa Fundación, Miguel Carballeda, e o vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán. Carballeda tamén destacou o liderado español en Europa no relativo á etiquetaxe de produtos farmacéuticos en braille.
A cuestión do voto en braille foi tratada hoxe en Bruxelas, onde se sinalou que, aínda que existen iniciativas similares noutros países dos 27, España é o único país onde o voto accesible xa é unha realidade.
Do mesmo xeito, durante a presentación da «Guía de Responsabilidade Social Empresarial e Discapacidade» fíxose fincapé na importancia do voto electrónico e na súa plena accesibilidade para as persoas con discapacidade.
Ademais, coa intención de impulsar a participación do colectivo nas eleccións europeas, a ONCE lanzará o vindeiro 9 de maio cinco millóns de cupóns, ademais de carteis co lema «Nada sobre as persoas con discapacidade sen as persoas con discapacidade».