Francia inaugura o observatorio para a accesibilidade e lanza un plan en beneficio das persoas xordas

Francia inaugurou onte o Observatorio para a Accesibilidade, unha institución encargada de supervisar os avances nos traballos para que os establecementos e os transportes públicos estean adaptados ás necesidades das persoas con discapacidade. Este organismo estará composto por representantes políticos, profesionais do transporte e da construción e membros de asociacións de persoas con discapacidade, segundo anunciou Nadine Morano, secretaria de Estado de Familia francesa. A súa misión será avaliar a accesibilidade actual dos edificios e dos medios de transporte, detectar posibles problemas, propoñer solucións e axudar ás autoridades locais a poñelas en práctica e a cumprir as normativas nesta materia. Segundo datos da Association des Paralysés de France, o 87 % das institucións públicas locais e o 86 % dos teatros e dos estadios son accesibles; porén, o 60 % das cidades estudadas pola organización de persoas con discapacidade non tiñan ningunha liña de autobús completamente adaptada. Pola súa banda, Morano reuniuse co responsable da RATP, o consorcio de transportes de París, para tratar o problema das entradas do metro que, por dificultades técnicas, non é posible adaptar para as persoas con discapacidade, e propoñerlle solucionar este problema complementando ese medio de transporte con outros que si sexan accesibles. Ao longo deste ano, todas as estacións do metro parisiense incorporarán avisos informativos sonoros, co fin de adaptarse ás necesidades dos viaxeiros cegos. PLAN EN BENEFICIO DAS PERSOAS XORDAS Por último, Morano anunciou o lanzamento dun plan en beneficio das persoas xordas en Francia, que estará dotado con 52 millóns de euros. O devandito plan prevé a creación, cando menos, dun novo telexornal en horario nocturno nunha das canles da televisión pública France Télévisions en 2011, que estará integramente traducido á lingua de signos, así como a subtitulación obrigatoria en francés de todos os DVD vendidos en Francia. No marco desta iniciativa tamén se creará este ano un servizo telefónico que permitirá ás persoas xordas realizar chamadas aos servizos de urxencias, e ofrecerase un diagnóstico sistemático da xordeira aos mozos de 16 a 25 anos e ás persoas maiores de 60 anos.