Galp Energia e Fundación Alares melloran a empregabilidade das persoas con discapacidade

A baixa taxa de empregabilidade no noso país, unida á maior vulnerabilidade das persoas con discapacidade, reduce en gran medida as súas oportunidades de conseguir un emprego. A súa taxa de desemprego chega a roldar o 40 %. Neste contexto, o Programa «Obxectivo Emprego» de Galp Energía e Fundación Alares ten como finalidade dotar as persoas con discapacidade que se atopan en situación de desemprego das ferramentas necesarias para a súa incorporación ao mercado laboral. Ambas as entidades puxeron en marcha un programa global que pretende facilitar ao máximo a inclusión laboral das persoas con discapacidade. Trátase dun programa completo e continuo que dotará as persoas con discapacidade das ferramentas necesarias para desempeñar as súas funcións nun futuro traballo, xa sexa nunha empresa ou mediante a creación do seu propio negocio. Galp Energia, xunto con Fundación Alares, reforza así o seu compromiso coas persoas con discapacidade, apoiando este programa que contribúe a unha sociedade máis xusta en todos os niveis. O programa contempla unha dobre vertente: por unha banda, axudar aquelas persoas que se atopan en busca activa de emprego e, pola outra, axudar quen pretende emprender o seu propio negocio. O módulo de busca activa de emprego contén un itinerario personalizado no que ambas as entidades participarán de forma continuada e que cumpre cos criterios de accesibilidade universal, proporcionando á persoa a formación para o emprego e a orientación laboral necesarias. Aspectos como a correcta elaboración do currículo, a orientación para realizar con éxito a entrevista laboral, así como técnicas de relaxación que favorezan o éxito da entrevista e/ou a toma de decisións mediante unha actitude positiva e proactiva, son tamén contidos clave do programa. Ademais, as persoas adscritas ao programa terán acceso á Bolsa de Emprego específica para persoas con discapacidade. En palabras de Nuno Moreira de Cruz, Country Manager de Galp Energia en España, «un dos obxectivos sociais que toda empresa debe perseguir é fomentar a empregabilidade, e non só a dos seus propios traballadores. Por iso, en Galp impulsamos este proxecto xunto coa Fundación Alares e centramos os nosos esforzos nun colectivo que, polas súas características, pode verse nalgúns casos excluído do mercado laboral». Atendendo ás novas demandas da sociedade e nun mundo tan competitivo como o actual, o módulo destinado ao emprendemento ofrecerá á persoa seleccionada acceso ao microcrédito sen garantías nin avais, así como formación gratuíta e personalizada. Ao mesmo tempo, contará con mentores estratéxicos durante polo menos os dous primeiros anos de traxectoria empresarial, para guiar as súas decisións e aprender da súa experiencia. O obxectivo de Galp Energia e Fundación Alares é contribuír a aumentar o número de persoas con discapacidade que acceden a un posto de traballo en España. Neste momento son máis de 350.000 as persoas con discapacidade en idade de traballar, das cales máis de 200.000 son homes e preto de 150.000, mulleres.