Se nos fixamos nos nosos países veciños para ver como desenvolven as súas marcas e empresas, seguro que podemos observar que a xestión de persoas é un tema prioritario. Comecemos a ver os nosos empregados como persoas que deixan o mellor das súas vidas na organización onde traballan e poderemos converternos en líderes do mercado. A receita que recomendamos desde esta publicación é: conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Unha fórmula clave nos contornos laborais que garante o 100 % do compromiso, a fidelidade e, por suposto, a retención do mellor talento.
Segundo o Barómetro de Conciliación IESE 2012, as empresas que favorecen a conciliación dos seus empregados aumentan a produtividade ata un 19 %. Por iso, os modelos de organización deben cambiar en función das transformacións sociais. Hoxe xa hai moitas organizacións que apostan pola conciliación dos seus empregados: Repsol, PSA Peugeot, Enagás… ademais, por suposto, de cada vez máis pemes que saben que o seu liderado no sector pasa por contar con empregados comprometidos. Se queremos obter o mellor dos nosos equipos de RRHH, debemos coidalos no seu día a día e ofrecerlles facilidades para que acudir ao traballo non lles impida gozar dos fillos, da familia e do lecer. Polo tanto, a empresa que mellor e máis se adapte á vida dos seus empregados obterá mellores resultados.
Estamos a falar de beneficios reais que xorden directamente da capacidade das organizacións para innovar en materia de RRHH. É máis, as boas ideas e o bo traballo xorden dos contornos máis felices, así que, se queremos ser potencia económica, temos que comezar a ser potencia en calidade de vida.


