A xestión adecuada da Diversidade, a Conciliación da vida laboral e persoal e a Igualdade son tres claves do éxito empresarial, segundo se dixo esta mañá no I Congreso Internacional Alares Calidade de Vida e Competitividade Empresarial. Este encontro estase a celebrar no IFEMA e acudiron máis de 1000 directivos e executivos, un 56 % deles mulleres. Os congresistas proceden maioritariamente de Madrid (39 %), o 28 % de Barcelona e un 22 % doutros países europeos. Directores xerais, directores de Recursos Humanos, directores de Responsabilidade Social Corporativa ou altos cargos do sector público de diferentes ámbitos comparten experiencias e coñecementos neste foro anual.
Na Sesión Inaugural, Mark Hollingworth, autor do best seller “Growing People, Growing Companies” e fundador de 5i Strategic Affairs, explicou as claves do éxito nun mundo sometido a cambios continuos. “Mesmo aínda que nos neguemos a cambiar, todo se move ao noso arredor”.
Hollingworth asegura que moitas veces, na sociedade actual, resulta moi difícil renunciar ao éxito profesional. E o custo é unha vida persoal e familiar insatisfeita e rota”. Por iso as políticas de conciliación adquiren cada día máis importancia tanto para as persoas como para as empresas. “Un traballador satisfeito, con condicións laborais adaptadas ás súas necesidades, fai que a súa empresa sexa máis competitiva. O horario non é importante, senón a produtividade”.Nesta primeira sesión e entre as diversas mesas de debate que teñen lugar neste Congreso, destaca a intervención da presidenta do Instituto Europeo para a Xestión da Diversidade, Myrtha Casanova, quen analizou a Diversidade como elemento para conseguir a máxima eficacia no posto de traballo.
“Hoxe e no futuro o éxito e a sustentabilidade das empresas non dependerán exclusivamente do seu tamaño e da dispoñibilidade de recursos financeiros e tecnolóxicos. Tampouco dependerán unicamente da redución de custos, da reestruturación de cadros de persoal, das xubilacións anticipadas e das fusións que con demasiada frecuencia só fan que se magnifiquen os problemas de rendibilidade das organizacións. Dependerán, esencialmente, da capacidade das súas persoas para xestionar con eficacia os recursos e procesos dispoñibles, nun escenario en continua e vertixinosa transformación.
Nuns escenarios globais cuxa natureza intrínseca é a diversidade”. Casanova asegura que só grupos humanos de perfís diversos —tanto demográficos como organizativos— que traballen en equipo son capaces de optimizar todos os recursos e sistemas das organizacións. Só equipos de recursos humanos diversos, ben integrados, xeran a innovación e creatividade necesarias para garantir a permanencia das empresas nos novos mercados globais, competitivos e diversos.No que se refire aos programas de Conciliación, Myrtha Casanova asegura que permiten ao empregado dedicar a súa atención e o seu tempo a todos os aspectos da súa vida profesional cun alto grao de satisfacción, o que xera eficacia e excelencia no traballo”. Afirma tamén que “este tipo de decisións tómanse na cúpula, pero quen ten que implementar o Plan Estratéxico son os empregados —de aí a importancia de involucrar a todos no proceso—”.
Por outra banda, tamén se analizaron varios casos prácticos, tanto de administracións locais como de empresas europeas, que puxeron en marcha plans de conciliación entre a vida laboral e a vida persoal. Entre os exemplos máis exitosos atópase o do Royal Bank of Scotland, cuxo director de RSC (Responsabilidade Social Corporativa), Iain MacDonald, presentou o balance da súa experiencia. “Conseguimos acadar uns niveis de satisfacción e rendemento laboral que doutro xeito terían sido imposibles. Os nosos datos confírmano: polo menos un 22 % de traballadores inscritos nos programas de flexibilidade laboral, un aumento crecente da Diversidade e un 76 % de traballadores moi satisfeitos co seu equilibrio vida/traballo”. Tamén a presenza no I Congreso Internacional Alares de institucións públicas como a de Barnet (Reino Unido) ou a do concello alemán de Hanau avalan a crecente relevancia destes temas na sociedade actual.


