Inmaculada Placencia: A accesibilidade a Internet, clave do desenvolvemento empresarial
Inmaculada Placencia, unha das maiores expertas a nivel mundial en accesibilidade ás novas tecnoloxías da información, será unha das relatoras protagonistas no I Congreso Internacional Alares® sobre Dependencia, Diversidade, Igualdade, Conciliación Laboral e Persoal, e a súa Influencia Estratéxica na Competitividade Empresarial.
Placencia é xefa adxunta da Unidade «e-inclusion», da Dirección Xeral da Sociedade da Información da Comisión Europea. É licenciada en Física e Informática, e desde 1991 traballa para a Comisión Europea en diversos programas de investigación sobre accesibilidade e aplicacións para persoas con discapacidade e de idade avanzada. Actualmente o seu traballo céntrase en políticas relacionadas con actividades na área de eAccessibility e eInclusion, en concreto en relación co «deseño para todos» (DFA) e as tecnoloxías asistivas. Tamén participou en proxectos como Waida e Wai-ties, e noutras actividades arredor da accesibilidade web.
O Programa Europeo de «e-inclusión», que lidera, recibiu máis de 200 millóns de euros para a realización de máis de 200 proxectos que melloren a accesibilidade das páxinas web. O investimento responde á necesidade reflectida nun estudo levado a cabo pola Comisión Europea en 2004, no que se demostraba que a maior parte das 2.500 webs analizadas non cumprían os requisitos mínimos de accesibilidade.
«En Europa segue habendo moita xente excluída dos beneficios das novas tecnoloxías». Desde 1991, Placencia aposta pola mellora da accesibilidade e dos estándares web para que calquera cidadán poida visualizar calquera páxina desde calquera navegador ou dispositivo.
A relatora declara que «as Administracións Públicas adoptarán as medidas necesarias para que a información dispoñible nas súas respectivas páxinas de Internet poida ser accesible para persoas con discapacidade e de idade avanzada de acordo cos criterios de accesibilidade recoñecidos antes do 31 de decembro de 2005».
«O futuro de calquera negocio pasa por ser accesible, con maiúsculas, en Internet. Poder escoitar Inmaculada Placencia é unha oportunidade para saber cales serán os próximos pasos nesta carreira competitiva» dixo Javier Benavente, presidente da Fundación Alares®.
A inscrición para o Congreso pódese realizar a través da web: http://www.congresointernacionalalares.com./ A cota de inscrición é voluntaria para permitir o acceso a todas as persoas interesadas nos temas tratados. A web recolle o programa detallado do Congreso, os horarios dos actos, as conferencias e relatorios, información sobre os relatores, datos de interese sobre o Congreso e o boletín de inscrición para a Cea de Gala.


