Jaime Rosales, o triunfador dos Goya 2008 por «La Soledad» no I Congreso Internacional Alares

Jaime Rosales, recente gañador do Goya ao Mellor Director pola película “La Soledad”, participará na clausura do I Congreso Internacional Alares® coas súas reflexións sobre a sociedade actual. Temas como a soidade, a saúde, a multiculturalidade ou o mundo do traballo e das empresas entrecrúzanse nas nosas vidas no día a día, e Jaime Rosales tentará desentrañalos desde a súa peculiar perspectiva.

Rosales plasmou na súa película todo un complexo mundo de necesidades, sentimentos e medos que se agochan tras uns personaxes necesitados de axuda e apoio por parte da sociedade. Un apoio que evite a exclusión social e permita, ao mesmo tempo, a consolidación duns principios de solidariedade, igualdade e respecto pola diversidade. Valores que a Fundación Alares® defende e promove en todos os ámbitos da súa actividade e que están presentes neste Congreso, sen descoidar a mellora da competitividade das empresas como elemento de sustentabilidade da calidade de vida a longo prazo

A película, premiada con tres Goyas (mellor película, director e actor revelación) móstranos uns protagonistas que, a pesar da soidade existencial e da dor, loitan e confían en novas posibilidades e horizontes. Con esta mensaxe, Jaime Rosales clausurará o vindeiro 21 de febreiro o I Congreso Internacional Alares®: Calidade de Vida e Competitividade Empresarial. Neste sentido, Rosales defenderá ante os asistentes ao Congreso todos aqueles cambios no sistema actual que impliquen unha mellora do benestar e unha maior prosperidade. “Estamos nunha sociedade na que os valores do mercado e as relacións superficiais entre os seres humanos son moi importantes. Esta é a dinámica xeral e resulta preocupante, pero teño a sensación de que isto comeza a cambiar”, asegura o cineasta.

Rosales, licenciado en Ciencias Empresariais, iniciou a súa formación como cineasta na Escola Internacional de Cine e Televisión da Habana (Cuba) e continuouna na Australian Film Television and Radio School de Sydney (Australia). Autor de varias curtametraxes de éxito, a súa primeira longametraxe, “Las horas del día”, obtivo o Premio da Crítica Internacional na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes en 2003.

Para Javier Benavente Barrón, presidente da Fundación Alares®, o director de cine soubo representar nas súas películas algúns dos valores dos que carece a nosa sociedade. “É un orgullo para nós contar coa experiencia de Jaime Rosales na clausura do noso Congreso”. Unha Fundación que se converteu nun referente europeo en temas relacionados coa mellora da calidade de vida das persoas mediante o impulso da competitividade das empresas, tendo en conta os asuntos que máis preocupan hoxe á sociedade: a dependencia, a igualdade, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, así como todo o relacionado coa diversidade e a multiculturalidade. A inscrición para o Congreso pódese realizar a través da web: http://www.congresointernacionalalares.com. A cota de inscrición é gratuíta para permitir o acceso a toda persoa interesada nos temas tratados. A web recolle o programa detallado do Congreso, os horarios dos actos, conferencias e relatorios, información sobre os relatores, datos de interese sobre o Congreso e o boletín de inscrición á Cea de Gala.