
O 8 de marzo de 1857 iniciábase un camiño pola loita dun recoñecemento. Un grupo de obreiras téxtiles decidiu percorrer as rúas de Nova York como protesta ante as pésimas condicións salariais nas que traballaban. Este feito supuxo o punto de partida para unha loita incansable por alcanzar a igualdade entre homes e mulleres. Folgas e acontecementos sucedéronse ata que finalmente, en 1975, as Nacións Unidas decidiron recoñecer oficialmente o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller Traballadora. Desde entón, cada ano teñen lugar distintas actividades que nos lembran o longo treito percorrido e todo o que aínda nos queda por facer.
O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, afirmaba o pasado mes de decembro que a reforma do IRPF de 2014 promovería o tratamento da familia como unidade contribuínte, favorecendo así a conciliación da vida laboral e familiar, e que «realzaría o papel da muller no mundo do traballo, sobre todo a súa condición de nai». O ministro destacaba ademais que España é o único país no que a Facenda pública «lle paga á muller» e a «discrimina positivamente» como nai traballadora. Aínda que é certo que a muller se converteu na principal destinataria do resto de medidas de conciliación que se foron recoñecendo progresivamente e que, en principio, tamén se dirixían ao home, a realidade é que os dereitos laborais de conciliación, como a redución de xornada ou a excedencia para o coidado de fillos menores, son solicitados case exclusivamente por mulleres. A conciliación laboral e familiar debe romper coa cadea que a une en maior medida á muller. Cómpre comezar por romper o binomio conciliación-muller, e ambos os sexos deben sentirse implicados por igual. A conciliación da vida familiar, laboral e persoal contribúe a construír unha sociedade baseada na calidade de vida das persoas, primando as mesmas oportunidades para homes e mulleres co fin de que poidan desenvolverse en todos os ámbitos da súa vida, progresar a nivel profesional e gozar á vez de tempo tanto a nivel persoal como familiar. Desde Alares, conscientes de todo iso, desenvolvemos á medida plans de conciliación para os cadros de persoal das empresas e as súas familias, ocupándonos da prioridade número 1 da conciliación: O coidado da familia. Na actualidade, o mundo está constantemente sometido a cambios que requiren unha nova forma de organización do traballo. A imposibilidade de compatibilizar a vida laboral coa familiar e persoal trae consecuencias negativas para as empresas. De aí a importancia de que as organizacións sexan flexibles e recoñezan as súas traballadoras e traballadores como un valor diferencial fronte ao resto. As empresas comezan a tomar conciencia de que o benestar das persoas está relacionado co seu pleno rendemento e de que os traballadores producen máis cando as necesidades da súa vida familiar e persoal están cubertas. Cómpre buscar novas ferramentas que posibiliten que esteamos cada vez máis preto dese anhelado equilibrio entre mulleres e homes no que se refire ao aproveitamento da conciliación. Racionalizar os horarios é conciliar, corresponsabilizarse e desenvolver unha vida profesional, persoal e familiar tamén é conciliar, pero para alcanzar a excelencia en conciliación faise necesario que as empresas teñan en conta aquelas necesidades importantes que non se cobren co anterior, isto é, o acceso a uns servizos de calidade que cubran as súas necesidades familiares cando a persoa se atopa fóra do seu domicilio. Se o traballo é un factor común a ambos, a conciliación non pode ser menos. Polo tanto, é decisivo poñer en práctica medidas dirixidas a favorecer e axudar tanto ás mulleres como aos homes para que ambos gozen da súa condición con igualdade de oportunidades.


