A diversidade de xénero na dirección dá mellores resultados

A presenza de mulleres en postos directivos contribúe á obtención de mellores resultados económicos por parte das empresas, segundo o estudo «The Bottom Line: Corporate Performance and Women's Representation on Boards», realizado pola consultora Catalyst. El Economista.es Este estudo será presentado por primeira vez en Europa no marco do I Congreso Internacional Alares que, baixo o lema «Calidade de Vida e Competitividade Empresarial», se celebrará os días 20 e 21 de febreiro no recinto feiral IFEMA de Madrid. Mulleres directivas «The Bottom Line» revela que as compañías que contan cunha maior representación feminina en postos directivos obteñen, de media, resultados económicos significativamente mellores ca aquelas con menor representación. Segundo Ilene H. Lang, presidenta de Catalyst, «este estudo demostra unha vez máis a forte correlación entre os resultados económicos das compañías e a diversidade de xénero. A diversidade, ben dirixida, produce máis independencia, innovación, bo goberno e maximización dos resultados», destacou Lang. Como se realizou o estudo? O estudo levouse a cabo sobre compañías integrantes do ránking Fortune 500 e toma como referencia tres índices económico-financeiros: a rendibilidade sobre os recursos propios (ROE), o rendemento das vendas (ROS) e o retorno do investimento (ROI). Catalyst comparou os resultados das compañías con maior representación de mulleres nos seus equipos directivos cos das empresas que teñen menor presenza feminina nos postos de dirección, e concluíu que as empresas con maior presenza de mulleres no seu equipo directivo presentan porcentaxes superiores nos tres índices sinalados (un 53 %, un 52 % e un 66 %, respectivamente). Primeiro encontro O Congreso Internacional Alares está dirixido a primeiros executivos de empresas, responsables de institucións públicas e profesionais relacionados coa temática do congreso. No seu primeiro encontro, este foro anual contará ao longo das súas dúas xornadas coa participación de personalidades e institucións procedentes de máis de 20 países. No encontro abordaranse cuestións como a responsabilidade social empresarial, a dependencia, a diversidade, a inmigración, a igualdade e a conciliación.