A felicidade no ámbito laboral

A idea de que axudar a mellorar o ambiente laboral repercute na felicidade dos empregados e na súa fidelización con respecto á empresa é un feito. Pero, verdadeiramente, ¿é a felicidade unha práctica empresarial habitual?

O tecido empresarial español está formado na súa gran maioría por pemes que aínda non albiscan as vantaxes e os beneficios de promover medidas que melloren a calidade de vida do traballador. Porén, si que é indiscutible que algunhas compañías comezan a preocuparse polo grao de benestar dos seus empregados. Son estas as que toman conciencia da importancia que ten a satisfacción das persoas no seu traballo, xa que a motivación dos empregados repercute no nivel de produtividade de cada un deles. O tempo é o recurso máis ansiado polos traballadores e o que, sen dúbida, lles proporciona felicidade. Unha empresa que axuda a conciliar a vida laboral, familiar e persoal dos seus empregados brinda unha inxección de motivación que a axuda a reter os profesionais máis talentosos. A gran paradoxa empresarial xira arredor de como a empresa sabe satisfacer milimetricamente as necesidades dos seus clientes, pero, pola contra, non sabe cales son as mellores estratexias e prácticas que debe seguir cos seus empregados. Aínda que é un feito que conseguir un cadro de persoal feliz é unha tarefa complicada, é necesario facer un intento por alcanzalo, algo que só é posible se se adoptan medidas para iso.