A integración da discapacidade quere ser unha realidade

Estes tres meses que levamos de ano traen boas noticias para as persoas con discapacidade, porque no que levamos de ano a contratación destas persoas aumentou un 12,74 % con respecto a este mesmo período de 2009. Así o asegura o Observatorio Estatal da Discapacidade, que explica que desde que comezou 2010 se rexistraron 8.670 contratos a persoas con discapacidade, o que supón 980 máis ca nos primeiros meses do pasado 2009. Porén, son as contratacións eventuais as que máis medran, en concreto un 60 %, debido en parte á situación económica un tanto inestable na que nos atopamos. Aínda que cada vez con maior frecuencia, as empresas optan por facer contratos indefinidos aos traballadores con discapacidade; por iso, ata o momento, no que vai de ano 700 destas persoas conseguiron un contrato laboral indefinido. As cifras tamén mostran que son as persoas de entre 25 e 44 anos as máis contratadas. Ademais, son os homes, cun 61,68 % fronte ás mulleres, cun 38,32 %, os que conseguen máis contratos indefinidos. En canto aos datos ofrecidos polas comunidades autónomas, é interesante destacar que é Cataluña a rexión que rexistra a maior cantidade de contratos indefinidos a persoas con discapacidade, en concreto un 19,37 %, seguida de Madrid (17,03 %) e Andalucía (10,71 %).