A OCDE sinala a falta de políticas para conciliar o traballo e a familia en España

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico presentou o pasado mércores un informe que sinala a necesidade que ten o noso país de fomentar políticas que faciliten a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. De feito, este documento sinala que as dificultades das familias españolas para compatibilizar o traballo e a familia son as que están provocando as baixas taxas de emprego feminino e de fecundidade. En España, a taxa de fecundidade é de 1,4 fillos por muller, fronte ao 1,74 de media dos 34 países da OCDE. Segundo este estudo, o adiamento da maternidade por cuestións laborais situou a idade media das mulleres españolas para ter o primeiro fillo nos 30 anos. En canto ás taxas de emprego feminino en España, este informe sinala que, a pesar de que no noso país se produciu un aumento destas taxas, pasando nos últimos 15 anos do 32,5 % en 1995 ao 53,5 % en 2009, aínda seguimos por debaixo da media da OCDE. Por outra banda, o informe denuncia que moitos pais de familia dependen do apoio dos avós para poder atender os nenos fóra do horario escolar. Tanto é así que aproximadamente unha cuarta parte dos avós do noso país coida dos seus netos a diario. Ademais, desde a OCDE destacan que en España as mulleres dedican máis tempo ao traballo non remunerado, concretamente 5 horas diarias, fronte ás menos de dúas que lle dedican os homes. Para os autores deste estudo, unha división equitativa do traballo non remunerado podería contribuír a unha maior participación de pais e nais no mercado laboral. España ocupa o posto 29 dun total de 35 países en políticas de benestar familiar, fronte a Dinamarca, Finlandia, Noruega, Austria e Suecia, que ocupan os primeiros postos da clasificación.