As empresas que facilitan habitualmente a conciliación laboral e familiar aos seus empregados conseguen aumentar un 19 % a súa produtividade e logran que se sintan catro veces máis comprometidos coa súa empresa e menos dispostos a cambiar de traballo, segundo se desprende do Barómetro de Conciliación Edenred-IESE 2012, un estudo elaborado a partir dunha mostra de máis de 7.000 enquisas a traballadores e traballadoras de 23 países con diferentes situacións familiares, graos de responsabilidade e idades.
Segundo este estudo, os traballadores máis novos, de ata 28 anos, son os únicos que priorizan conservar o posto de traballo en contornos que non favorecen a conciliación.
En España, as mulleres xefas son mellor valoradas, en xeral, polos seus empregados, que se senten mellor comprendidos, escoitados e valorados ca cando o xefe é un home.
O estudo pon de manifesto que un 40 % dos traballadores do mundo non están comprometidos coa súa empresa, aínda que un 95 % dos que traballan en contornos que favorecen a conciliación si o están, fronte ao 60 % dos que traballan en empresas que non a favorecen.
En xeral, a insatisfacción dos colaboradores nun contorno laboral que non facilita a conciliación é 7 veces maior ca en contornos que si a favorecen.
O barómetro tamén mostra un maior compromiso coa súa empresa por parte dos empregados con fillos. De feito, cando a empresa facilita habitualmente a conciliación, o compromiso dos empregados con fillos é total, do 100 %, mentres que nas mesmas circunstancias o compromiso dos empregados sen fillos é do 84 %. Porén, cando a empresa non facilita a conciliación, o compromiso dos empregados baixa ao 23 % e ao 22 %, respectivamente.
En xeral, o compromiso das mulleres é maior ca o dos homes. O 80 % das mulleres amósanse comprometidas cando teñen outra muller como xefa, e só un 57 % cando a xefa é un home. No caso das colaboradoras con fillos, esta porcentaxe aumenta ata o 84 % e o 66 %, respectivamente.


