As películas dos Goya, accesibles para persoas con discapacidade

O proxecto «Cine accesible» vela pola diversidade a través da cultura

As películas «A pel que habito», «Non haberá paz para os malvados», «Primos» e «23F», todas elas candidatas aos premios Goya da Academia do Cine español con 33 candidaturas, proxectáronse en versión accesible para persoas con discapacidade visual ou auditiva grazas ao proxecto «Cine accesible» da Fundación Orange e Navarra de Cine.

A proxección das películas inclúe a subtitulación dixital do filme, que se realiza sobre unha pantalla colocada debaixo para non entorpecer a visión da imaxe.

Os subtítulos, en castelán, seguen un código de cores utilizado polas persoas xordas que facilita a identificación dos diálogos de cada personaxe principal cunha cor diferente. Ademais, a modo de indicacións, inclúense referencias aos sons máis relevantes da película.

Pola súa banda, as persoas con discapacidade visual dispoñen de auriculares persoais, con volume axustable, desde os que poden seguir unha descrición das situacións e das reaccións dos personaxes, mentres que os sons orixinais se perciben a través dos altofalantes da sala. Xunto coa proxección nos cines, os DVD comerciais de todos estes títulos inclúen accesibilidade audiovisual.

A partir destas películas realizáronse ao longo de 2011 distintas sesións plenamente adaptadas para que persoas con e sen discapacidade puidesen compartir unha sesión de cine.

O proxecto «Cine accesible», impulsado pola Fundación Orange e Navarra de Cine, pretende achegar a cultura ás persoas con discapacidade visual ou auditiva como unha proposta máis de integración. Trátase dunha iniciativa destinada a propiciar que as persoas con discapacidade vaian ao cine nas mellores condicións posibles, neste caso, con subtítulos específicos con códigos de cores para as persoas con discapacidade auditiva e con audiodescrición para as persoas con discapacidade visual.

Fonte