As persoas con discapacidade, protagonistas da JMJ 2011

A Xornada Mundial da Xuventude xa está en marcha e, para que todas as persoas gocen do evento, a Fundación Alares formou máis dun cento de mozos voluntarios para que se encarguen de coordinar e axudar as persoas con discapacidade.
Os cen mozos xefes de equipo formarán parte dos 25.000 voluntarios acreditados para a JMJ 2011 e apoiarán e informarán as persoas con discapacidade que acudan ao encontro co papa Bieito XVI.
Co fin de formar estes voluntarios, a Fundación Alares, en colaboración coa Fundación Madrid Vivo e a Organización da JMJ, desenvolveu ao longo de todo o ano un programa de formación para que coñezan os recursos dos que dispoñen para axudar a mozos con discapacidade e aprendan a utilizalos.
Ademais, no caso das persoas con discapacidade, a formación debe ser «moito máis especializada» debido aos distintos niveis de apoio que cómpre proporcionar dependendo do grao e do tipo de discapacidade, segundo sinalou a Fundación Alares. Por iso, o programa formativo tivo como obxectivo dotar os voluntarios dunha visión xeral sobre o que é a discapacidade e ensinarlles a proporcionar apoios adecuados a cada necesidade.
O equipo de expertos da Fundación Alares deseñou tamén para a ocasión un manual básico con información práctica.