
As vantaxes da rede son indiscutibles, pero as posibilidades que ofrecen, en particular, as redes sociais para quen busca traballo ou para quen está decidido a emprender o seu propio negocio son infinitas. Neste sentido, Juan Carrión, socio director de Innopersonas, explica que «as redes sociais son un escaparate de persoas que contactan en busca de oportunidades, e a súa presenza nelas supón un investimento de tempo».
No ámbito das redes sociais, o perfil de quen circula por elas é variado. Hai persoas que só pretenden pasar o tempo, «funemployed», pero tamén están aquelas que comezan a xestionar o seu futuro a través delas: o emprendedor en rede. Que o mercado laboral actual está a cambiar é un feito e, tal como asegura Esteban Magro, socio director de McCormick y Asociados, «pasamos da sociedade dos empregos á dos traballos. A vida profesional, ou a xestiona un mesmo, ou ninguén se ocupa dela».
Porén, é máis difícil a presenza nas redes sociais de quen traballa en sectores tradicionais, onde directivos e xefes non están afeitos a que os seus equipos de traballo manteñan este tipo de actividade.
Os empregados de sectores como a comunicación, o marketing ou as TIC poden crear unha marca propia ante os empregadores; porén, poden caer nun marketing persoal excesivo. Segundo explica Esteban Magro, as accións de marca persoal teñen límites e perigos porque «hai que saber en que mercados e sectores é hoxe prudente crear unha marca propia, xa que en determinados casos pode resultar case un suicidio profesional».