Os negocios da felicidade persoal

A recente celebración do Primeiro Congreso Internacional de Alares, baixo o lema Calidade de vida e competitividade empresarial, que se viu potenciada pola numerosísima presenza de relatores e asistentes, puxo de manifesto o interese social e empresarial polas novas iniciativas que están a concitar o que, xenéricamente, podería englobarse baixo o epígrafe de servizos ás persoas. E é que todos os conferenciantes, fose cal fose a súa especialidade e punto de vista, centraron as súas intervencións en auscultar as múltiples oportunidades que xorden ao tratar de atender as demandas das persoas nunha sociedade avanzada. Na que as novas pautas familiares, a evolución demográfica, os fluxos migratorios, o aumento continuado das expectativas de vida, as esixencias da igualdade e da integración ou a atención á dependencia configuran horizontes de novas actividades nunca imaxinadas en épocas anteriores. Particularizadas, cómpre asociar outras referidas á retención do talento, ao desenvolvemento conxunto do persoal e do profesional ou á converxencia produtiva de iniciativas públicas e privadas para configurar as novas Sociedades do Benestar. Ao requirir o compromiso de cada cidadán, pero tamén dos tecidos empresariais e institucionais, parece mesmo querer transcender o desenvolvemento do que se deu en chamar o cuarto piar do Estado do Benestar. Pois as demandas van máis alá do desenvolvemento dos novos servizos de asistencia á dependencia, para abrirse a unha multiplicidade de actividades dedicadas aos servizos ás persoas. Dedicadas, en fin, a incrementar e facer posible a felicidade persoal en todos os ámbitos da vida colectiva. Tal cúmulo de servizos non se esgota só nese obxectivo particularizado, senón que apunta a como todo iso redundará na competitividade dos tecidos empresariais e institucionais. Pois constátase que, a medida que as persoas poden conciliar mellor a atención aos seus ámbitos familiares, estarán máis motivadas e integradas nos procesos produtivos, ao non velos como un obstáculo para o benestar persoal. Este non se pode construír —e esa é a principal complexidade das novas actividades— dunha forma uniforme e xeneralizada. Pola contra, require que cada solución se adapte ás diferentes circunstancias persoais. A personalización dos servizos é, polo tanto, o eixe sobre o que se deberán articular todas as iniciativas e no que terán que converxer tanto as políticas públicas como as esixencias dos mercados laborais, o financiamento compartido dos servizos de atención e o desenvolvemento de novos marcos reguladores. Isto só será posible se nestas novas actividades se comezan a utilizar as vantaxosas aplicacións tecnolóxicas que é posible redeseñar para elas, ou se nelas concorre a vontade das empresas á hora de desenvolver a súa responsabilidade social en favor da calidade de vida colectiva. Para iso será determinante que esas actividades se contemplen, á súa vez, nos acordos da negociación colectiva, pois a felicidade persoal é algo máis que melloras salariais ou avances na calidade dos empregos. Así, nos meses pasados falouse moito de como se está a configurar o Cuarto Piar ao que antes se aludía. Hoxe, e así se puido ver nas intervencións realizadas no Congreso de Alares, comeza a falarse de como configurar o Cuarto Sector. Nel deben coincidir, á hora de desenvolver esa felicidade colectiva á que se está facendo referencia, as iniciativas públicas, as privadas e as do Terceiro Sector, orientadas á solidariedade e á procura de solucións para cada realidade particularizada. E nel é imprescindible, ademais, que converxa tamén o compromiso persoal de cada demandante de novos servizos. Pois a súa personalización debe facerse partindo de cada caso singular, pero co obxectivo compartido de contribuír e colaborar no desenvolvemento dunhas novas pautas de vida. Nelas, a solidariedade, a eficiencia no uso dos recursos e a competitividade das novas actividades serán determinantes para a calidade de vida das persoas e a competitividade dos tecidos empresariais. Estes son, en definitiva, os que han de xerar os excedentes necesarios que fagan posible aquela. Un reto, polo tanto, que deixa de ser persoal ou das empresas e institucións para ser colectivo e impulsar o desenvolvemento dunhas novas maneiras de vivir e traballar.