Máis de 3.000 millóns de euros para desenvolver políticas de emprego

2010 comeza con novos incentivos para executar proxectos de emprego que fomenten a empregabilidade, a inclusión social e a igualdade de xénero. En total repartiranse 3.072 millóns de euros entre todas as comunidades autónomas, para activar programas de emprego e formación. O obxectivo deste plan, explican desde o Ministerio de Traballo e Inmigración, é mellorar as posibilidades de atopar traballo das persoas que nestes momentos están desempregadas. Este diñeiro distribuirase entre os dous puntos dos que consta o programa, segundo explicou Maravillas Rojo, secretaria xeral de Emprego. Por unha banda, destinaranse 610,7 millóns de euros a «promover o espírito empresarial e mellorar a adaptabilidade dos traballadores e das empresas». E, por outra, consignaranse 2.064,6 millóns ao «fomento da empregabilidade, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres». Medidas como esta asistirán a todas aquelas persoas sen emprego a través de obradoiros de busca de emprego e de actualización de currículos, co fin de mellorar as súas competencias profesionais e a súa relación coas empresas.