A avaliación de iniciativas en materia de RSC posta en marcha pola Fundación Alares® e Mekit está dispoñible de forma gratuíta
Fundación Alares e Mekit seguen traballando na difusión e promoción da plataforma web "RS Pymes". Froito diso é o acordo ao que chegaron coa consultora N-Nova, especializada en achegar solucións e asesoramento ás empresas, tanto do sector público como do terceiro sector. N-Nova únese ao proxecto RS Pymes e comprométese a traducir ao galego a aplicación web para facela accesible a un maior número de empresas. Deste xeito, Fundación Alares e Mekit queren tamén poñer en valor a diversidade de linguas cooficiais que conviven no noso país e a necesidade de prestarlles a atención que merecen.
A partir de agora, con esta plataforma web, calquera pemes poderá dispor de ferramentas e indicadores, en español e galego, a través dos cales avaliar os diferentes ámbitos da RSC: o Medio Ambiente, as Persoas e a Conta de Resultados da Organización. Deste xeito, N-Nova poderá ter unha visión global do estado da Responsabilidade Social na súa organización, o que permitirá realizar diferentes tipos de análises segmentadas: por tamaño, por sector, etc. Ademais, desde Fundación Alares e Mekit fixeron especial fincapé en que RS Pymes sexa unha ferramenta gratuíta ao servizo da pequena e mediana empresa, para axudar a autodiagnosticar a efectividade das accións en materia de RSC.
Entidade comprometida
A implicación de N-Nova co proxecto demostra a relevancia que, en tan só seis meses, adquiriu RS Pymes. Xa son moitas as organizacións que coinciden en que debemos potenciar o valor da Responsabilidade Social entre as pequenas e medianas empresas, un valor que determinará en gran medida que poidamos ter unha cultura da Responsabilidade Social próxima á sociedade. Grazas a RS Pymes, calquera empresa poderá acceder a todas as prestacións da plataforma, como, por exemplo, a deseñada para dar a coñecer as boas prácticas que xa se están levando a cabo e que serven para favorecer a implantación de novas accións de RS.
Pola súa banda, Fundación Alares e Mekit, como promotores do proxecto, realizarán a partir dos datos obtidos a través da contorna web un estudo que ofrecerá unha visión global da situación da Responsabilidade Social nas pequenas e medianas empresas españolas.


