Así se titula a conferencia internacional que se está celebrando hoxe en Barcelona no marco da presidencia española da Unión Europea. Nesta xornada, na que participan representantes dos gobernos dos Estados membros da UE, das comunidades autónomas, axentes sociais e económicos e expertos en materia de emprego, abordarase cales son os empregos con máis futuro nos próximos anos, así como as capacidades que deberán desenvolver os traballadores para desempeñalos.
Os asistentes debaterán as formas concretas que se deben seguir para avanzar cara a unha estratexia global de cualificacións e empregos no marco da Estratexia de Emprego UE 2020, que supoña o desenvolvemento dunha economía máis competitiva, ecolóxica e eficiente.
De acordo con este modelo económico baseado na competitividade e no valor engadido, prevese que boa parte das novas oportunidades laborais estean relacionadas con empregos en transformación e sectores agora emerxentes. Para iso, será necesario contar con persoas cualificadas e preparadas para estes novos empregos, de aí que sexa unha prioridade para a UE identificar cales son os sistemas para formar estes novos traballadores.
Ata o momento, os estudos da UE realizados en materia de emprego coinciden en que para 2020 os traballadores terán un maior nivel de cualificación en practicamente todo o territorio europeo. Ademais, estes estudos demostran que serán os servizos, o coidado da saúde e a educación os sectores que máis emprego xeren.