Novos datos do Barómetro Alares sobre Discapacidade e Emprego

Máis do 60% das persoas con discapacidade tiveron contratos inferiores a 4 meses. O 21% das persoas enquisadas declara que a duración no mesmo posto de traballo foi inferior a 6 meses e tan só un 15% afirma que permaneceu laboralmente máis dun ano na mesma compañía. Segundo o Barómetro Alares: Discapacidade e Emprego da Fundación Alares, baseado na análise continua do mercado laboral das persoas con discapacidade, recolle as realidades e necesidades no emprego, tanto das persoas con discapacidade como das empresas que as contratan. O seu obxectivo principal é obter datos estatísticos en materia de empregabilidade e calidade no emprego das persoas con discapacidade, tanto en termos cuantitativos como cualitativos. Esta análise permite detectar as posibles relacións causa/efecto para poñer en marcha mecanismos de mellora que garantan unha igualdade efectiva de oportunidades. O 64% das persoas enquisadas manifesta ter asinado contratos inferiores a 4 meses; estes datos permítennos constatar a pouca estabilidade no emprego das persoas con discapacidade enquisadas (máis de 600 persoas).

A clave para conseguir a igualdade é a integración laboral

A integración laboral das persoas con discapacidade é unha peza vital para conseguir a igualdade de oportunidades na sociedade, o que nos leva a analizar máis a fondo cal é o problema que provoca este desequilibrio. Para iso púxose en marcha unha nova enquisa a través do Barómetro Alares: Discapacidade e Emprego, que se atopa activa en www.discaempleo.com, dirixida neste caso ás empresas, o que nos permitirá coñecer cales son as causas que interveñen nesta inestabilidade laboral. A selección de persoas con discapacidade require unha planificación estratéxica que abrangue desde o coñecemento das distintas discapacidades para eliminar estereotipos ata a selección por competencias, as fontes de recrutamento para atopar a candidatura idónea, a adecuación do posto e, nalgúns casos, a integración no equipo de traballo. A xestión desta planificación favorece o éxito da selección e, por conseguinte, a empresa e o traballador ou traballadora. A Fundación Alares axuda ás empresas na inclusión laboral das persoas con discapacidade, ao mesmo tempo que traballa na formación específica para o emprego deste colectivo. A contratación de persoas con discapacidade produce beneficios sociais de gran importancia que lles permiten conseguir a súa independencia e, con iso, participar plena e efectivamente na sociedade, tal como establece a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Neste sentido, a Fundación Alares pon á disposición tanto das empresas como das persoas demandantes de emprego unha ferramenta moi útil: Discaempleo.com. Un punto de encontro para as persoas con discapacidade que queren formar parte do mundo profesional e para as empresas que apostan pola integración destas persoas no seu cadro de persoal. Para máis información: Sara Carreño Responsable de Comunicación da Fundación Alares 91 275 05 55 scarreno@alares.es www.fundacionalares.es