Próxima Presidencia española da UE, prioridade: a discapacidade

Como moitos xa saben, o vindeiro 1 de xaneiro de 2010 España, xunto con Bélxica e Hungría, asumirá a Presidencia da Unión Europea nun novo sistema de trío de presidencias, durante 18 meses, ata o 30 de xuño de 2011. A ministra de Sanidade, Política Social e Deporte, Trinidad Jiménez, anunciou que a prioridade de España en canto ás políticas europeas se centrará na materia social, dando especial relevancia á igualdade de xénero, ao rexeitamento da violencia machista, ao fomento do envellecemento activo e, moi intensamente, ao desenvolvemento de estratexias de apoio á discapacidade. No que respecta a este último punto, España organizará o 19 de maio de 2010 en Zaragoza unha Conferencia Informal de Ministros sobre Discapacidade. A intención é que, posteriormente a este cumio e con algúns obxectivos xa establecidos, se organice unha conferencia europea na que participen todas as organizacións de persoas con discapacidade da Unión Europea e as distintas administracións públicas que traballan neste ámbito. Unha especie de conferencia europeísta de todas as persoas que traballan día a día polos dereitos, a igualdade de oportunidades e a calidade de vida das persoas con calquera tipo de discapacidade. Sen dúbida, unha noticia esperanzadora para todas as organizacións que desexamos ver acadados estes obxectivos. Segundo a propia ministra, «Nesta conferencia trataranse asuntos como a accesibilidade, aspecto esencial para lograr a igualdade de oportunidades. Pero tamén outros asuntos, como a participación, a autonomía persoal, o emprego e a educación inclusiva das persoas con discapacidade.» Pode atopar máis información sobre a Unión Europea, a vindeira presidencia de España e a participación cidadá facendo clic aquí