¿Quitan os inmigrantes recursos sanitarios aos xubilados?
Saúde Internacional. Por Rodrigo López-Vélez
Un dos puntos do debate político destas eleccións centrouse na inmigración, culpándoos de colapsaren o sistema sanitario do noso país. Segundo isto, parece que regalamos caritativamente a asistencia sanitaria a este colectivo tan numeroso en España. Pero esta acusación carece de fundamento; máis ben ao contrario, xa que pagan e pagarán por ela con fartura.
Viñeron moitos e en poucos anos, dispostos a traballar, xa adultos e baratos, sen que o Estado tivese que investir nin un euro na súa saúde.
Cunha das taxas de natalidade máis baixas do mundo, España tería perdido uns 10 millóns de habitantes. Pero a catástrofe demográfica non se produciu, en parte grazas aos inmigrantes. Non tería habido, polo tanto, traballadores suficientes para pagaren as pensións dos xubilados de hoxe e dos moitos máis do futuro próximo.
Coa dependencia das persoas maiores, sen apenas axudas estatais, alguén tería que quedar na casa coidando delas. Resulta chamativo que sexan as estranxeiras as que coiden do 90% das persoas maiores dependentes. Ademais, traballan no fogar, permitindo que a taxa de actividade das españolas medrase un 12% na última década.
Se comparamos a achega anual dos inmigrantes ás arcas públicas cos gastos que aqueles xeran, o superávit a favor do Estado acada os 5.000 millóns de euros (achegan 23.402 millóns e reciben 18.618 millóns de euros). Isto tradúcese en que a inmigración contribuíu ao 39% do crecemento medio do PIB por habitante e incrementou en 623 euros a renda anual de cada español. E con estes cartos pódense manter 900.000 pensionistas españois de pura cepa, xa que menos do 1% destes son estranxeiros (incluídos os comunitarios).
O paradoxo é que moitos deses pensionistas españois apoian o discurso contra a inmigración.
Claro que hai saturacións e colapsos puntuais da sanidade, pero resólvense investindo en estruturas e contratando máis profesionais da saúde, e non culpando os inmigrantes.
As previsións apuntan a que España será un país de envellecemento pronunciado, no que a poboación maior de 65 anos aumentará en oito millóns e a poboación en idade laboral descenderá en 6 millóns entre 2007 e 2050. Pero se non veñen máis, se expulsan algúns dos que xa están, quen pagará as futuras pensións e quen nos coidará?


