Repsol, Entremares e Aena, algunhas das recoñecidas como as mellores entidades na integración da discapacidade

A raíña dona Sofía presidiu a primeira edición dos premios «Telefónica Ability Awards», uns galardóns que recoñeceron Repsol, Entremares e Aena como as empresas e organismos que mellor integran a discapacidade no seu modelo de negocio. Ao acto de entrega destes galardóns acudiron o presidente de Telefónica, César Alierta, o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre. Aos premiados, a raíña dona Sofía entregoulles unha escultura do artista irlandés Shane Holland. Repsol foi a gañadora na categoría absoluta de Mellor Gran Empresa Privada, o Hotel Entremares como Mellor PEME e Aena como Mellor Institución Pública. Por outra banda, nas Categorías Principais premiáronse seis iniciativas distintas: nas modalidades de Compromiso da alta dirección e liderado dos empregados e de Desenvolvemento Profesional e Formación recoñeceuse a empresa palentina de alimentación Grupo Siro, tamén premiada o ano pasado co Premio Nacional Alares; na categoría de Contratación e selección foi premiada a empresa de transporte urxente MRW; na de Accesibilidade o recoñecemento recaeu en Sanitas; na modalidade de Orientación aos clientes, premio que recoñece a entidade que destaca por desenvolver produtos e/ou servizos dirixidos a persoas con discapacidade, foi galardoado o Concello de Ávila; na categoría de Desenvolvemento profesional e formación, que recoñece a organización que garante que cada empregado teña as mesmas oportunidades de formación e promoción, volveu levalo o Grupo Siro; e, por último, na categoría de Prevención e retención, que recoñece a entidade que destaca por establecer os medios necesarios para previr a discapacidade sobrevida e conseguir a retención dos empregados que adquiran unha discapacidade permanente, foi galardoado Capgemini. Os Ability Awards naceron en Irlanda hai catro anos e conseguiron ter unha forte repercusión tanto no mundo empresarial como na sociedade.