A Responsabilidade Social Corporativa como vantaxe competitiva

Responsabilidade Social Corporativa A Responsabilidade Social Corporativa como vantaxe competitiva. Segundo os datos de Nielsen de 2014, o 73 % dos españois consideran que as empresas non reverten o suficiente na sociedade. Pola súa banda, o 93 % dos consumidores están a favor de mercar a aquelas empresas que apostan pola Responsabilidade Social Corporativa e invisten na sociedade. En efecto, a sociedade reclama cada vez máis empresas que aposten polo compromiso colectivo. Para a supervivencia empresarial a longo prazo é vital pensar en obxectivos empresariais que non só contemplen a obtención do beneficio puro, senón que a aposta pola calidade de vida das persoas e o benestar da sociedade sexa imprescindible en calquera organización. Dito isto, e con datos como os que nos ofrece Nielsen, é máis que suficiente para que as empresas que están á cola nesta materia tomen conciencia da verdadeira importancia que ten a Responsabilidade Social Corporativa. Unha dedución bastante lóxica: Se os nosos beneficios dependen doutros e eses outros nos esixen un compromiso coa RSC, necesitamos algunha razón máis? O karma está máis presente ca nunca, e todo o que fagamos terá un efecto de volta. Neste sentido, se contribuímos á mellora da calidade de vida colectiva e apostamos pola RSC, sen dúbida os resultados serán positivos para calquera organización O mundo cambiou e a forma de facer negocios tamén. A Responsabilidade Social Corporativa é un dos temas de maior interese e cada vez se lle dá maior relevancia como vantaxe competitiva, o que á súa vez outorga un maior recoñecemento por parte do mercado. Pola súa banda, tal e como diciamos antes, a RSC dará máis vantaxes tanto para os traballadores como para a sociedade en xeral. As empresas deben pasar a formar parte activa dos retos que temos como sociedade e involucrarse nela, tanto pola sociedade en si como polo seu propio interese en ter un contorno máis estable e próspero. O obxectivo principal que persegue a responsabilidade social empresarial radica no impacto positivo que estas prácticas xeren nos distintos ámbitos cos que unha empresa ten relación, ao mesmo tempo que contribúen á competitividade e sustentabilidade da empresa. E hai que coidar ese obxectivo para chegar ao equilibrio entre crecemento económico e benestar social.