SÓ 13 DE CADA 100 EMPRESAS FINANCEIRAS INFORMAN BEN OS SEUS EMPREGADOS SOBRE AS POLÍTICAS DE CONCILIACIÓN
Só un 13 % dos bancos, aseguradoras e entidades financeiras difunden de forma efectiva as súas políticas de conciliación laboral entre os seus empregados, segundo un estudo da Fundación Alares presentado hoxe. O informe, titulado «Conciliación empresa-familia no sector financeiro», serve de «referencia e permítenos establecer a media do sector para poder mellorar», segundo o presidente da Fundación Alares, Javier Benavente.Este estudo analizou un total de 800 bancos, aseguradoras e empresas financeiras, e foi realizado polo Centro de Familia e Traballo do IESE, cuxa directora, Nuria Chinchilla, expuxo os seus principais resultados.Entre eles, destaca que «case un 70 % dos directivos do sector financeiro afirman estar concienciados da necesidade das políticas de conciliación». De feito, hai un comité responsable destes programas nun 47 % das compañías estudadas.Pola contra, o informe recolle que un 85 % dos directivos consideran menos comprometidos coa empresa os empregados que solicitan permisos por motivos familiares e que un 96 % ven «positivo levar traballo para a casa».
Segundo Nuria Chinchilla, «estes indicadores forman parte da dimensión cultural da empresa e dificultan a implantación total das políticas de conciliación».
Chinchilla reclamou políticas para impulsar a conciliación laboral e familiar, como dar preferencia nos concursos públicos e conceder deducións fiscais ás compañías que implantasen estas prácticas.
No mesmo sentido se expresou o presidente da Fundación Alares, quen subliñou que, «aínda que a conciliación familiar interesa ás empresas, estes temas son cousa de todos».
Tamén coincidiu con esta opinión o director de Relacións Institucionais de Caja del Mediterráneo, Carlos Mollano, que afirmou que, en último termo, «o que consegue a conciliación é fidelizar os traballadores e reter o talento».


