Só o 29% dos mozos con discapacidade teñen emprego

O CERMI presentou onte o avance dun estudo que revela que, dos 163.650 mozos e mozas con discapacidade de entre 15 e 30 anos que viven en España, só o 29 % traballa. Este informe, titulado «A mocidade con discapacidade en España», mostra que as taxas de desemprego entre os mozos e mozas con discapacidade son case o dobre das dos mozos e mozas sen discapacidade, xa que, entre estes últimos, o 56,8 % ten emprego. Ademais, segundo asegura o CERMI, os traballos aos que acceden estes mozos e mozas con discapacidade adoitan requirir pouca cualificación e estar mal remunerados, en parte porque, como tamén mostra este estudo, é baixa a proporción de mozos e mozas con discapacidade con estudos profesionais de grao superior e universitarios (o 6 % fronte ao 16,2 %). Por outra banda, o estudo tamén demostra que, en xeral, as mulleres teñen niveis educativos inferiores aos dos homes. Outros datos importantes deste informe reflicten a discriminación que sofren estes mozos e mozas nos seus contornos educativos. Así, por exemplo, o 40 % da poboación nova con discapacidade afirma sentirse discriminada nos últimos 12 meses no seu ámbito formativo.