Tecnoloxía para mellorar a vida das persoas dependentes

O colectivo de persoas dependentes medrou de maneira alarmante nos últimos anos. A poboación envellece porque vivimos máis tempo e son as persoas maiores as que necesitan os coidados e a atención dos seus familiares. As persoas con discapacidade tamén forman parte deste grupo, ademais de padeceren grandes dificultades para acceder ao mundo laboral. Para que todos sexamos un pouco máis libres, creouse unha nova Plataforma Tecnolóxica para a Vida Independente e a Accesibilidade (eVia). Trátase dunha iniciativa do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITYC) e, entre os seus obxectivos, está a creación de proxectos innovadores que contribúan a alcanzar un nivel de accesibilidade universal para todas as persoas, especialmente para as persoas maiores e as persoas con discapacidade. É importante ofrecer unha combinación completa de prestacións tecnolóxicas, asistenciais e sanitarias que permitan prolongar a vida no fogar, de forma independente. Un mundo á medida de cada persoa melloraría considerablemente a calidade de vida e achegaría un valor engadido á nosa sociedade.