Un Congreso para a Calidade de Vida e o desenvolvemento empresarial

A recente celebración do Primeiro Congreso Internacional de Alares, baixo o lema «Calidade de Vida e Competitividade Empresarial», puxo de manifesto o crecente interese que existe polas novas actividades relacionadas co desenvolvemento da calidade social. Entendida esta como unha forma efectiva e eficiente de dar resposta ás novas demandas persoais, que buscan conxugar a atención ás responsabilidades laborais coa dedicación ás necesidades cotiás dos ámbitos familiares. E na que tamén se incluirían os compromisos sociais para loitar contra a discriminación, fomentando, en consecuencia, a igualdade e a integración. Entendendo, ademais, que esa integración debe contemplar todas as persoas, polo que haberá que habilitar servizos de atención para que as persoas carentes de autonomía poidan participar na vida colectiva e recibir a asistencia axeitada. Todos estes proxectos persoais teñen que facerse realidade na medida en que existan políticas activas que os posibiliten. E tamén iniciativas empresariais que faciliten os servizos axeitados, así como o compromiso do tecido produtivo para facilitar os procesos de conciliación e integración. E é que de todo iso dependerá a atención a unhas demandas de servizos persoais propias dunha sociedade avanzada. En consonancia con todo o anterior, ao longo do Congreso da Fundación Alares puidéronse escoitar, á vez, consideracións sobre as novas ferramentas do posicionamento estratéxico que están facilitando ese binomio de calidade de vida e competitividade empresarial, así como fórmulas que articulan os programas de conciliación, ou outras referentes a como se xestiona a diversidade, como se avanza cara á non discriminación e á integración, ou que oportunidades encerra a atención solidaria ás persoas dependentes. Por citar algunhas das temáticas máis relevantes das abordadas nun ambicioso programa que se cumpriu polo miúdo. Para o seu desenvolvemento reuníronse personalidades que expuxeron experiencias e políticas de éxito. E fixérono tanto desde cada un dos seus ámbitos de responsabilidade, xa fosen do mundo empresarial, das administracións públicas ou da docencia e a investigación. Pero tamén mostraron proxectos de futuro que cómpre acometer á vista de estudos, como os que se presentaron ao longo das súas sesións, que confirmaban o vantaxoso que é apostar pola calidade de vida e comprometerse con ela, tanto a nivel persoal como colectivo. Compromiso que, ao traducirse na demanda e oferta de novos apoios ás persoas, supón crear novos servizos para os ámbitos familiares e desenvolver os actuais, aínda moi incipientes. Con iso abriranse novas actividades e os tecidos empresariais, ao teren que organizarse co fin de mellorar a súa competitividade e contribuír á calidade social, consolidaranse nunha mellor xestión do talento e na motivación das persoas que os dinamizan, renovan e fan cada día máis eficientes. Así mesmo, os poderes públicos descubrirán, ao ter que xestionar novas esferas para proxectar as súas políticas, a importancia de promover a coordinación de iniciativas públicas con outras privadas, conseguindo fórmulas de xestión máis áxiles e efectivas. Tal coordinación ten que darse, ademais, en marcos regulamentarios e ordenamentos políticos diversos. Por iso convidáronse relatores que permitisen ver a oportunidade que encerraba e encerra o lema do Congreso, con independencia dos ámbitos sociais e lexislativos aos que deberán acomodarse. Desde ese binomio puidéronse observar as oportunidades que abren novas aplicacións tecnolóxicas e tamén novas maneiras de abordar a Responsabilidade Social Empresarial, pois desde todas elas se pode contribuír a construír esa confianza social que estimula a independencia individual e os compromisos empresariais e colectivos. No Congreso abordáronse, polo tanto, temas relacionados coas políticas de igualdade e, por conseguinte, cos procesos de conciliación, así como coas vantaxes que iso ten para a retención do talento e a competitividade. Ao mesmo tempo, facíase referencia ao que iso supón como compromiso empresarial para desenvolver unha Responsabilidade Social que contribúa á calidade social. Esta, por outra banda, non podía verse na súa totalidade se ademais non se contemplasen as políticas de integración e inclusión, ou as de atención ás persoas en situación de dependencia. E como para dar unha resposta axeitada a todas elas se está recorrendo á incorporación laboral de parte dos fluxos migratorios que chegan, tampouco se podía evitar falar da xestión da diversidade e dos procesos de cualificación profesional nas novas actividades da inmigración. Finalmente, o Congreso considerou tamén as oportunidades que ofrece contar con infraestruturas tecnolóxicas e de servizos para facer máis eficientes os procesos que se deben desenvolver. E que deben permitir a aparición dunha multiplicidade de actividades que xirarán arredor dese obxectivo primordial de prestar servizos ás persoas. E que obrigarán a idear novas fórmulas de financiamento, tanto público como privado, que os fagan posibles. Con elas xeraranse, á súa vez, novos empregos, riqueza e benestar para compartir entre todos. O Congreso pechou, polo tanto, unha etapa e abriu outra na que seguirá sendo preciso analizar as novas demandas cidadás e promover accións e informacións que estimulen a solidariedade e fomenten a calidade social, as boas prácticas e a mellora da vida cidadá. Pois tales accións son algunhas das máis relevantes para potenciar as redes colectivas coas que se quere construír o futuro. Para tecer ese futuro, e así se dixo desde o primeiro momento do Congreso, son imprescindibles as políticas públicas e a dispoñibilidade de recursos. Pero, sobre todo, a conciencia colectiva de propiciar novos procesos que faciliten a conciliación e erradiquen as desigualdades e a discriminación. E que aposten pola solidariedade coas persoas máis desfavorecidas ou que viven circunstancias máis difíciles e fráxiles, que limitan a súa autonomía. Concienciación na que non poden ser alleas as empresas, chamadas a incrementar a súa Responsabilidade Social, nin os medios de comunicación nin calquera outra institución social. E que debe propiciar que os novos retos e as novas oportunidades se vexan como un obxectivo e unha tarefa de todos. Xa que, de non ser así, de pouco valerían as políticas públicas se non gozasen dun respaldo social e cidadán que as fixese propias. E é que, nesta hora da igualdade, a solidariedade e a competitividade, o esforzo colectivo comeza agora e non pode deixarse só en mans nin baixo a responsabilidade das empresas e dos poderes públicos. É preciso que a sociedade se dote de recursos, políticas e servizos sociais que palíen todo o que queda de discriminatorio nas realidades colectivas. E tamén é preciso que, desde as institucións da sociedade civil, como foi agora o Congreso da Fundación Alares, se promovan debates e iniciativas que mostren cales son as demandas e as oportunidades. Para que con iso se contribúa á efectividade das aplicacións lexislativas e a orientar os proxectos empresariais. Nas sesións salientouse que esas accións buscan, ademais, promover a innovación social, ademais do éxito empresarial, pois só así se constrúen sociedades máis prósperas e avanzadas. Nelas, os resultados da eficacia directiva acabarán redundando no benestar da colectividade e dos contornos sociais nos que actúan as empresas. E nas que non deberían estar rifados eses afáns co coidado de deixar un resquicio para a felicidade de cadaquén e daquelas persoas que o rodean. Un Congreso, en definitiva, cheo de ideas, suxestións e expectativas que obrigan, polo tanto, a comezar a pensar nunha nova edición que constate os rapidísimos avances que están a experimentar as sociedades avanzadas en todas estas áreas. E que debe estimular a cidadáns, empresas e poderes públicos a seguir comprometéndose coa calidade social e co desenvolvemento empresarial que permita financiala e facela presente na vida de cada persoa.