Un final de ano aterrador para a violencia de xénero

Durante o mes de decembro, 8 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas Non queriamos rematar o ano con noticias coma esta, pero remitímonos aos feitos e é imposible que no noso blog non fagamos referencia aos acontecementos recentes. Nesta última semana do ano, 6 mulleres foron asasinadas polas súas parellas sentimentais e aínda quedan varios casos máis por esclarecer. Segundo datos oficiais, durante o ano 2008, 69 mulleres perderon a vida a mans das súas parellas ou exparellas. A sociedade, escandalizada polos acontecementos, esixe ás autoridades maior protección policial e xurídica, para que as denuncias non caian en saco roto. A pesar de que contamos con novos Xulgados Especiais para atender os casos de Violencia de Xénero, da creación dun Ministerio de Igualdade e das campañas de sensibilización nos medios, os asasinos de mulleres seguen actuando. Un dato preocupante é que o número de denuncias segue sendo escaso e non se corresponde coa realidade social. Tan só a cuarta parte das mulleres asasinadas durante este ano presentaran denuncia ante os xulgados, ademais de que o 60% delas seguía mantendo unha relación persoal cos seus agresores. Temos que ser conscientes de que a Violencia de Xénero forma parte das nosas vidas e de que en calquera momento podemos sufrila directa ou indirectamente. É máis, non debemos esquecer que non só son vítimas as mulleres que aparecen nos medios, cando xa perderon a vida, senón todas aquelas que soportan diariamente malleiras, discriminacións, vexacións…. En Alares® queremos que feitos coma estes deixen de ser noticia e que o novo ano nos traia máis igualdade entre Mulleres e Homes. Queremos que a nova lacra do século XXI, a Violencia de Xénero, remate e para iso necesitamos que todas e todos nos responsabilicemos e loitemos por facer xustiza, para que as mulleres poidan vivir por fin sen medo.